MÁIS DE 300 ESPECTADORES POR SESIÓN RESPALDAN O PROGRAMA +CINE DE OUFF E CINECLUBE

5 / 06 / 2012

Logo de cinco meses de programación ininterrompida, o programa +CINE que desenvolven conxuntamente o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) e o Cineclube Padre Feijóo fai análise: preto de seis mil espectadores acudiron ás salas de cine, sendo a media de espectadores por película de 307. O + CINE, que naceu coa vocación ce continuar o camiño de colaboración iniciado en 2011, Un Espazo de Cine, converterse en cita fixa para os mércores, acadou un dos seus obxectivos fundamentais: o de fidelizar semanalmente un público ávido de cine alternativo ao circuíto comercial cunha valoración sobresaliente (de 4,60 puntos sobre un máximo de 5 segundo a enquisa de satisfacción realizada o último día de actividades). O número total de espectadores ascendeu a 5.829.

Por títulos, a francesa Un deus salvaxe, de Roman Polanski, con 471, e a iraniana Nader e Simin, con 442, foron as que mellor entrada rexistraron. Esta última foi, ademais, a película mellor valorada polo público nas enquisas (4,47 sobre 5), seguido da traxicomedia Pequenas Mentiras sen importancia (4,43) e pola xa mencionada Un deus salvaxe (4,28). O ciclo mellor valorado en conxunto foi o Marzo Francés, sendo tamén o que maior público congregou: 384 espectadores de media por película, seguido do ciclo de xaneiro dedicado ao palmarés da 64ª edición de Cannes, con 344.

Na parte oposta, segundo a enquisa, fican algunhas das propostas máis arriscadas, como a comedia sobre o terrorismo islámico Four Lions (3,03 de media) ou o experimento filosófico de Malick, A árbore da vida (3,31). Cómpre subliñar, porén, que ambos filmes foron votados por riba do aprobado, co que deducimos que a programación, en xeral, foi do agrado dos asistentes.

A enquisa de satisfacción, todo un exercicio de participación activa no +CINE, indicou tamén algúns dos camiños que Festival de Cine e Cineclube haberán de  transitar nos vindeiros meses. Así, o público suxeriu e recomendou novos formatos, ciclos temáticos ou procedencia das futuras proxeccións, converténdose deste xeito en espectadores activos.

Un pase “extra”
Os bos resultados de audiencia de +CINE débense, en parte, á ampliación da oferta de horarios na tarde dos mércores. Logo de encher as salas durante as primeiras películas (con pases ás 20:30 e 23:00 horas), quedando xente fóra, decidiuse engadir un pase extra, o das 18:00 horas, que satisfixo as necesidades horarias de grande parte do noso público e, ademais, axudou a resolver os problemas de falta de aforo.

O +CINE que vén
Despois do éxito do programa +CINE, no que hai que destacar o bo entendemento entre OUFF e Cineclube, así como o apoio da Concellaría de Cultura e da Federación de Cineclubes de Galicia. En calquera caso, a excelente acollida do +CINE deixa claro que o público de Ourense agradece unha aposta decidida polo cine de calidade e reclama, mesmo de forma explícita, máis cine.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: