Luis Tosar volve ao Festival de Cans para presentar un adianto do segundo disco de The Ellas. A banda liderada polo actor do momento tocará por primeira vez temas propios, ademais de versións de grandes éxitos de voces femininas. Está será unha das contadas oportunidades para velos este ano, debido á apretada axenda de Tosar. O concerto será o sábado 22, ás doce da noite, no torreiro, dentro dun programa musical no que haberá moitas sorpresas, con artistas consolidados, propostas arriscadas e novas liñas de programación que aproveitarán os espazos singulares de Cans.

The Ellas está rematando a produción do seu segundo traballo discográfico, que presentará en lugares escollidos da xeografía española o próximo verán. A banda, liderada por Luis Tosar e da que tamén forman parte Piti Sanz, Iván Laxe, Suso Alonso e Ro Muñoz, comezou versionando grandes éxitos de voces femeninas como Cindy Lauper, Suzanne Vega, Bangles, Ronnie Spector e de bandas lideradas por mulleres como The Breeders, Alaska y Dinarama, Blondie, Abba, Gloria Gaynor, 4 Non Blondes ou No Doubt.

Luis Tosar é o actor do momento. O seu aclamado papel de Malamade, en Celda 211, valeulle o seu terceiro Goya, o premio da Unión de Actores, o da Crítica e o Mestre Mateo. Tosar é un incondicional do Festival de Cans. Foi o primeiro gañador do premio de honra, o Pedigree’04, e agora amósanos o seu apoio, unha vez máis, facendo un oco na súa axenda para participar na edición deste ano.

Xurado de videoclips

Florent, de Los Planetas, pinchará este ano no concurso de videoclips, no que tamén exercerá como xurado, xunto con Yolanda Castaño e Iván Ferreiro. Tanto Florent, que acaba de sacar novo disco con Los Planetas, como Iván Ferreiro, que ven de encher tres días seguidos a Joy Eslava co adianto do traballo que publicará en maio, deixarán de lado por un día a promoción en España dos seus novos proxectos, para participar xunto coa comunicadora galega Yolanda Castaño na selección dos mellores videoclips galegos. A cita será o xoves 20 de maio, a partir das 23h, no Bar Tubulart do Porriño.

Florent Muñoz é o guitarrista de Los Planetas, o grupo de pop que reina na escena musical española desde o lanzamento de Super 8 (1994), considerado por moitos o disco máis representativo da música alternativa dos noventa en España. Florent compaxina a súa presenza no Los Planetas, que acaban de presentar o seu último traballo, Una ópera egipcia, coa súa carreira individual como dj, co nome de Florent y yo.

Yolanda Castaño é unha poetisa galega que se dedica tamén ao xornalismo e á televisión. Ten desenvolvido distintas experiencias que fusionan a poesía coa plástica, coa música ou co audiovisual e foi guionista, directora e presentadora na TVE-Galicia de Mercuria, un programa sobre vangardas artísticas galegas que a levou a gañar o premio a “Mellor Comunicador de TV” da Academia Galega do Audiovisual en 2005.

Iván Ferreiro é un coñecido músico vigués que liderou o grupo pop-rock Los Piratas durante trece anos. Xuntos, publicaron nove discos e acadaron un enorme éxito dentro e fóra de Galicia. Despois da separación do grupo, Iván Ferreiro lanzou a súa carreira en solitario. Acaba de presentar en Madrid o seu cuarto disco, Picnic extraterrestre (2010), que sairá á venda o próximo mes de maio.