LÚAS DE OUTONO, ACTO ARREDOR DO ESCRITOR MANUEL MARÍA

6 / 09 / 2011

Este mércores ás 20:30 horas celebrarase no Teatro Rosalía da Coruña un acto arredor da figura de Manuel María que leva por título “Lúas de Outono” e que inclúe a estrea do documental “De amor e cantería” e un concerto musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, membros do grupo Berrogüetto. Está organizado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos, sendo de entrada libre até completar o aforo.

Manuel María foi un prolífico escritor que deixou máis de cen obras literarias escritas nos diferentes xéneros, mais que destaca como poeta con máis de cincuenta títulos. Estivo moi vinculado á cidade da Coruña, pois foi o lugar que escolleu para vivir unha vez que chegou á súa xubilación laboral e o lugar onde faleceu un 8 de setembro de 2004, polo tanto, hai xustamente sete anos.
Cada ano por estas datas, a Fundación que leva o nome do escritor, realiza un acto de rememoración e de divulgación da súa obra. No presente farao mediante a estrea dun documental producido por Pixel Films, baixo a realización Mikel Fuentes e o guión de Anxa G. Refoxo. Nel recréanse os “Sonetos á Casa de Hortas” onde o poeta evoca a súa casa natal de Outeiro de Rei, lugar que a Fundación pretende converter en Casa Museo do escritor. Por outra parte, Xabier Díaz e Guillerme Fernández incluirán dentro do seu concerto cinco pezas feitas sobre poemas de Manuel María, sendo dúas delas preparadas especificamente para este acto. Completarán o repertorio con outros temas xa incluídos nos dous discos xa publicados por eles á marxe de Berrogüetto, “Músicas de salitre” e “Arrolos de salitre”. Sumaranse deste xeito aos numerosos grupos que teñen musicado poemas de Manuel María e mesmo dedicado discos enteiros. Desde Suso Vaamonde, Fuxan Os Ventos, Miro Casabella, A Quenlla, María Manuela, Milladoiro, Uxía, Berrogüetto… todos eles teñen contribuído, sen dúbida, a popularizar a poesía de Manuel María.

Categoría: Noticias
Etiquetas: