Onte desvelouse o gañador de Compostela Plató, o concurso de guión organizado polo Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto. Nunha rolda de prensa no Salón Verde do Concello de Santiago presentouse “ La princesa Alegría ”, do madrileño Daniel Utrilla.

Trátase dunha fábula sobre a amizade, a vida e a aceptación dun mesmo. A curtametraxe rodarase no mes de xullo e estrearase na Gala de Clausura da V edición de Curtocircuíto, o 24 de outubro.

Xosé Manuel Iglesias, concelleiro de Promoción Económica, Comercio, Emprego e Turismo, presentou ao gañador acompañado polo propio autor, Daniel Utrilla, Manolo González, director da Axencia Audiovisual Galega e Mamen Quintas, directora de producción de Curtocircuíto e membro do xurado.

“ La princesa Alegría ” narra a historia dunha escritora de contos infantís na que se mestura o drama da vida real ca fantasía dos contos de fadas.

Esta edición do concurso recibiu 117 guións procedentes de distintos puntos de España como Madrid (dende onde se presentaron 32 guións) e Galicia (que presentou 25) e de autores españois que residen fóra das nosas fronteiras en países como Suecia e Francia.

O obxectivo de Compostela Plató é mostrar Santiago ao resto do mundo a través do audiovisual promovendo a capital galega como o plató ideal no que rodar todo tipo de historias.

“ La princesa Alegría ” rodarase no mes de xullo cun orzamento de ata 40.000 euros, combinará imaxe real e animación e estará lista para ser estreada na Gala de Entrega de Premios que clausurará a V edición de Curtocircuíto o 24 de outubro.