INAUGURACIÓN DO CURSO 2014-2015DE O RAIO VERDE

30 / 09 / 2014

CIPF O Raio Verde, Centro Integrado de Formación Profesional en Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos celebra mañá mércores ás 11.30 horas o acto de inauguración do curso académico 2014-2015 do Ciclo Superior de FP en Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos.

O acto. será inaugurado pola directora da Escola, Carmen Rábade, que presentará os módulos e materias do novo curso así como as actividades e prácticas profesionais que se realizan no Ciclo. O acto acollerá tamén a presentación a feira de world music WOMEX 14 da man da súa coordinadora xeral en Galicia, Cecilia Carballido, de Nordesia Producións. Esta feira profesional do sector musical, considerada como a máis importante do mundo segundo a UNESCO, celebrará en Santiago de Compostela a súa 20ª edición do 22 ao 26 de outubro. Cecilia Carballido exporá a súa programación de actividades  así como o programa de voluntariado que desenvolven para participar nel.

Na inauguración do curso de O Raio Verde participará tamén Fernando Cortizo para dar a coñecer o curso de Animación Stop Motion que impartirá na Escola a partir do día 6 de outubro. Coñecido pola súa longametraxe “O Apóstolo”, Fernando Cortizo gañou importantes premios internacionais de animación, como Premio do Público no Festival de ANNECY 2013 (Francia), Premio á Mellor Película en ANIMAMUNDI (Brasil) 2014, Mellor Película en ANIMPACT (Korea-Japón_China), Mellor Película en EXPOTOONS (Argentina), Mellor Dirección nos Premios Mestre Mateo 2013…, e ademais foi nomeado aos Premios Goya e preseleccionado para os Oscar 2014.

Ao remate, proxectaranse proxectos audiovisuais do alumnado da Escola realizados ao longo de anos anteriores no marco formativo de Ciclo Superior baixo a supervisión do profesorado de O Raio Verde.

 

 

 

Etiquetas: