O ICAA CONFIRMA QUE CONVOCARÁ AS LIÑAS DE AXUDAS MÁIS IMPORTANTES PARA A INDUSTRIA

21 / 01 / 2013

As liñas máis importantes para o fomento da industria audiovisual, fundamentalmente amortización e novos proxectos, serán convocadas este ano. Así o anunciou a pasada semana en Santiago a directora xeral do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Susana de la Sierra, durante o coloquio mantido con produtores do sector audiovisual de Galicia, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG) co apoio da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

Os encargados de abrir este encontro, celebrado na Cidade da Cultura, foron o presidente do CLAG, Andrés Barbé, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. No coloquio participaron máis de sesenta profesionais, entre os que estaban os responsables de moitas das compañías máis relevantes da industria audiovisual galega.

Anxo Lorenzo asegurou que nestes momentos “difíciles e complicados” para os profesionais dun sector estratéxico como o audiovisual, “faise máis necesario que nunca dialogar, escoitar e ofrecer alternativas de novos modelos que se adapten mellor á situación actual”. Ademais, o secretario xeral recordou que “a AGADIC planifica xa as novas convocatorias de subvencións para 2013 dirixidas ao audiovisual”, e adiantou que esta semana “podería coñecerse quen será o novo responsable da Axencia”.

Pola súa banda, a directora xeral do ICAA explicou durante a súa intervención as próximas liñas de axudas do seu departamento á cinematografía española e fixo un balanzo da actividade da súa institución no pasado exercicio. Susana de la Sierra congratulouse tamén de que “segundo os datos provisionais dos quedispón o ICAA, o funcionamento do cine español en taquilla en 2012 foi espectacular”.Unha evolución que non ten relación co recorte do 36% experimentado no orzamento do Instituto para este 2013 e dunha redución de dez millóns de euros no Fondo de Protección de la Cinematografía, dotado con 39 millóns para este ano.

Convocatorias de axudas para 2013 Susana de la Sierra indicou que un dos hándicaps na configuración das liñas de axudas para 2013 é a determinación da cantidade que este ano se vai ter que pagar polas películas estreadas en 2011, con cargo ao Fondo de Protección de la Cinematografía. En función desta cifra analizarase a cantidade de liñas de axudas que poderemos sacar en 2013, indicou.

A directora confirmou que este 2013, ao igual que o ano anterior, haberá axudas do Instituto de Crédito Oficial (ICO) e que, como novidade, este ano abrirase unha subliña adicional para producións de animación, atendendo así a unha solicitude da Federación Española de Asociaciones de Productoras de Animación Diboos.Neste sentido, a máxima responsable do ICAA asegurou que están preparando as distintas convocatorias, e malia que non avanzou unha data dixo que “estas sairán o máis axiña posible”.

Susana de la Sierra tamén profundou no labor realizado pola Comisión para o Estudo dun novo Modelo de Financiamento do Cine, constituída o pasado mes de decembro e estruturada arredor de catro liñas de traballo: os incentivos fiscais, a reforma das chamadas axudas á amortización, o financiamento da industria cinematográfica por televisións e operadores de telecomunicacións, e os novos modelos de traballo.

Incentivos fiscais e financiamento privado En relación ao tema dos incentivos fiscais na industria do cine, a directora xeral cre que “medidas coma o incremento da porcentaxe de dedución, a súa aplicación a outros modelos de producións ou a creación dun tipo societario específico semellante ao modelo francés contribuirán a facer máis atractivos estes incentivos e a atraer investidores privados”. Para Susana de la Sierra os incentivos fiscais non substitúen ás axudas ao cine, se ben –aclarou- é necesaria unha reforma das axudas á amortización, que será debatida no marco da Comisión para o Estudo dun novo modelo de Financiamento do Cine.

Por outra banda, a responsable do ICAA confirmoulles aos asistentes que a obriga de investir en cine español por parte das televisións é un dos temas que se abordará na Comisión, onde se avaliará a necesidade de adaptar unha modificación deste sistema. A directora amosouse convencida da importancia do apoio das televisións, incluído o promocional, para as películas.

Tamén falou da aposta realizada desde o seu departamento por outras liñas de traballo coma a promoción d cine “experimental”, pola formación dos públicos máis novos, e do seu apoio aos novos realizadores e ao papel da muller no audiovisual.

o ámbito da internacionalización, Susana de la Sierra recordou a existencia de senllos acordos de coprodución con Israel e a India, aos que moi axiña se sumará un novo acordo con China. E salientou o interese de outros países como Brasil e Colombia por materializar colaboracións deste tipo.

Trala intervención da directora xeral, levouse a cabo un debate no que os participantes

plantexaron diversos aspectos que preocupan aos profesionais do audiovisual, coma os

problemas de financiamento, os “malos” resultados obtidos polas producións galegas nas comisións de avaliación das últimas convocatorias do ICAA, ou o grave perxuízo que lle está causando a piratería á industria audiovisual, entre outros.

Categoría: Noticias
Etiquetas: