HOXE FOI A PRESENTACIÓN DO 16 FESTIVAL DE CINE INTERNACIONAL DE OURENSE

11 / 10 / 2011

O Festival de Cine Internacional de Ourense xa está de volta na cidade das burgas. E non por moito repetilo, porque con esta xa van 16 veces, deixa de ser un feito cáseque estraordinario. O 16OUFF é o resultado dun ano enteiro de traballo. Un ano desque o equipo do Festival asumíu o compromiso de dar un paso adiante: ser coherentes, ser valientes, e procurar para o público a mellor oferta cinematográfica. O Concello de Ourense mantén a aposta por este «referente cultural do outono ourensán», en palabras do alcalde Francisco Rodríguez, «ao tempo que estimula a actividade cultural e económica da cidade», dixo. Un compromiso que a presidenta do Consorcio para o Festival de Cine e concelleira de Cultura, Isabel Pérez, recoñece e valora «16 anos despois de que Eloy Lozano tivese a idea de facer un festival independente, internacional e con vocación de permanencia».
Pola banda que lle corresponde ao OUFF, «o seu compromiso co cine e coa cidade foi total ao longo deste ano, por iso fixo estensible a todos o seu estado de ánimo: por primeira vez, atrevémonos a reclamarlle ao público a súa implicación, e por iso escollemos este lema: Tócache!» dixo Diego G. López, voceiro do Festival. Porque toca disfrutar das películas, aí está a nosa selección. Porque toca aprender dos profesionais: visítannos o avogado David Bravo, a experta en linguaxe audiovisual María Yáñez, o director editorial de Filmin, Jaume Ripoll, e o equipo enteiro de Malviviendo, unha serie que atopou na web a súa razón de ser.

Novidades máis salientables desta 16ª edición:
– Encontros co público: a conexión directa entre público e protagonistas. Serán no centro comercial Ponte Vella e funcionará como punto de encontro para todos os convidados do 16OUFF.
– Converter o Museo Municipal nun espacio expositivo: os Novos Media, a vangarda da nova linguaxe audiovisual, sae por primeira vez das pantallas de cine para exhibirse nun lugar que lle corresponde de seu. Poderanse ver do 17 ao 21 de outubro no horario de apertura do Museo Municipal, e de balde.
– Unha ollada diferente: contamos para o 16 OUFF con dous blogueiros ourensáns de acreditada paixón cinéfila como son Rebeca Baceiredo, periodista e escritora, e Pablo Salgueiros, crítico de cine. Eles irán contándonos todos os días a súa particular visión do Festival a través de dúas bitácoras moi singulares: Baixo a Influencia e Me Voy al OUFF son os nomes respectivos.
– Redes sociais: poderedes seguir toda a actualidade a través de Facebook e Twitter. Ademais, creouse un espazo na rede Comuto para todos aqueles visitantes que se animen a compartir coche.
– Aplicacións para móbiles android que permiten coñecer información do 16OUFF con tan só colocar a pantalla diante dos espazos do festival.

Categoría: Noticias
Etiquetas: