HOXE COMENZAN NO CGAI AS PROXECCIÓNS DAS OBRAS GALARDOADAS NA X EDICIÓN DOS PREMIOS DO AUDIOVISUAL GALEGO MESTRE MATEO

3 / 07 / 2012

A Academia Galega do Audiovisual proxectará as obras gañadoras na pasada edición dos Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo no Centro Galego de Artes da Imaxe –CGAI-. 

Doentes, de Gustavo Balza, estreará o ciclo mañá martes, ás 20.00 horas. O filme fíxose cos galardóns á mellor Dirección Artística, Dirección de Produción, Dirección de Fotografía, Interpretación Masculina Protagonista e á mellor Longametraxe. Previamente proxectarase a Obra Experimental gañadora De amor e cantería de Píxel Films e Fundación Manuel María.

A seguinte cinta chegará o mércores, día 4 de xullo, coa exhibición ás 20.00h de Arrugas, cinta gañadora na X edición dos Premios Mestre Mateo nas categorías de Longametraxe de Animación, Dirección Artística, Son, Música Orixinal e Guión. Antes proxectarase El club del bromista, de Luís Usón e Usón Studio, gañador na categoría de Curtametraxe de Animación. O xoves 5 de xullo, tamén ás 20.00h, será a quenda da cinta que gañou o premio ao mellor Documental, As silenciadas, de Mr Misto, e de As damas negras, gañadora na categoría de Curtametraxe de ficción. Por último o venres 6 de xullo ás 18.00h proxectarase Eduardo Barreiros, o Henry Ford Galego, de Simón Casal de Miguel, gañadora na categoría de mellor Película para televisión e ás 20.00h Tralas Luces, de Sandra Sánchez, galardoada co Mestre Mateo á mellor Longametraxe Documental, Montaxe e Dirección.

A continuación, relatamos os horarios das proxeccións:

Martes 3 de xullo

20.00h. De amor e Cantería, dirixida por Mikel Fuentes, premiada na categoría de mellor Obra Experimental.

Doentes, dirixida por Gustavo Balza, premiada nas categorías de mellor Longametraxe, Dirección Artística (Alexandra Fernández), Dirección de Produción (Enrique Batet), Dirección de Fotografía (Suso Bello A.E.C.) e Interpretación Masculina Protagonista (Antonio Durán “Morris”).

Mércores 4 de xullo

20.00h El club del bromista, de Luís Usón e Usón Studio, premiada na categoría de mellor Curtametraxe de Animación.

Arrugas, dirixida por Ignacio Ferreras, premiada nas categorías de Longametraxe de Animación, Dirección Artística, Son, Música Orixinal e Guión.

Xoves 5 de xullo

20.00h As damas negras, dirixida por Sonia Méndez, premiada na categoría de mellor Curtametraxe de Ficción.

As silenciadas, dirixida por Pablo Ces, premiada na categoría de mellor Documental.

Venres 6 de xullo

18.00h Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, dirixida por Simón Casal de Miguel, premiada na categoría de mellor Película para TV

20.00h Tralas Luces, dirixida por Sandra Sánchez, premiada nas categorías de Longametraxe Documental, Dirección e Montaxe.

Etiquetas: