El Gran Wyoming actuará no VIII Festival de Cans coa banda de Rock and Roll Los Insolventes. A cita é o venres día 20 ás doce da noite no Torreiro da famosa aldea do Porriño e, para promocionala, o presentador de El Intermedio gravou un vídeo no que o xornalista galego Fernando Gonzalez Gonzo lle explica como son os chimpíns, os cortellos, o agroglamour e o público máis esixente do país… o do Festival de Cans. “No puedes fallar en Cans”, dille Gonzo a El Gran Wyoming no vídeo mentres lle ofrece unha camiseta do Festival, “tienes que ir preparado”.

Xa cos coñecementos básicos imprescindibles para manexarse en Cans, El Gran Wyoming chegará ao Torreiro de Cans escoltado polos músicos Miguel Ángel Ariza, José Alberto Solís e Luís de Diego: Los Insolventes. Con eles, Wyoming canta e toca a guitarra facendo versións dalgúns dos grandes clásicos da historia do rock. O obxectivo da banda nos seus concertos é transmitir ao público as boas vibracións que teñen eles no escenario.

A boa música, unida ao xenio dun mestre de cerimonias como El Gran Wyoming asegura que o público da Noite de Estrea de Cans vivirá unha auténtica festa de Rock and Roll. O mesmo día, pero contra a 1h30 da madrugada, Jorge Martínez, o mítico cantante de Ilegales, ofrecerá unha sesión de Disco Chimpín que fará as delicias dos asistentes. Con trinta anos de éxitos ás súas costas, o grupo de referencia no rock español pechou a súa carreira a finais de 2010 coa xira Adiós Amiguitos. O carismático cantante de Ilegales subirá a un chimpín no torreiro de Cans para ofrecer unha sesión musical que non deixará indiferente a ninguén.

O mesmo venres día 20, antes do concerto de El Gran Wyoming y Los Insolventes e da sesión de DiscoChimpín con Jorge de Los Ilegales, Fernando León de Aranoa conversará cos veciños e co público do Festival, e a actriz María Pujalte recibirá o premio Pedigree 2011, nunha xornada na que aínda se esperan moitas máis sorpresas. A asociación cultural Arela,  organizadora do certame, anuncia que fará pública a toda a programación da oitava edición do Festival de Cans esta semana.

Noite V Clips

Jorge Martínez participará, ademais, como xurado na Noite Vclips, a noite na que se celebrará o concurso de videoclips do VIII Festival de Cans e que estará patrocinada polo popular programa de Vtelevisión. Ademáis do cantante de Ilegales, serán xurado do concurso de videoclips desta edición do Festival Belén Montero, que dirixe xunto a Juan Lesta a produtora audiovisual e multimedia Esferobite – DSK, especializada no videoclip, a videocreación, a instalación e o vídeo en directo; Charlie Fabber, locutor de radio que creou unha marca de seu co programa Sateli3 de Radio3; e Luis Pardo, presentador de Vtelevisión que exercerá de mestre de cerimonias.

A cita é o xoves 19 ás 23, 30 horas no Bar Tubular do Porriño e cando remate o concurso o público navegará entre o funk e o rock máis auténticos da man de Charlie Faber Dj. As sesións do coñecido locutor de Radio3 caracterízanse polos fortes contrastes e o eclecticismo, animando ao persoal con grandes doses de bo ritmo. Unha batedora sonora onde se van sucedendo músicas de baile de todas as épocas, estilos e latitudes, sen dependencias da actualidade comercial, as discográficas nin os intereses da industria.

El Gran Wyoming

José Miguel Monzón Navarro (Madrid, 1955) é un médico, humorista, actor, director, escritor, músico e presentador de televisión español. É máis conocido polo seu nome artístico, El Gran Wyoming. Actualmente é o presentador do programa de televisión El intermedio y columnista en el diario Público, pero o seu percorrido musical vén de lonxe.

En 1999 creou xunto a Javier Krahe, Pepín Tre, Pablo Carbonell, Faemino e Santiago Segura o selo discográfico 18 Chulos baixo a dirección executiva de Javier Amorós. Dentro da discográfica apareceu o disco de Wyoming e Reverendo Antolojia 1975-2000. O selo axiña se lanzou a editar discos doutros artistas como Diego el Cigala, Sergio Makaroff ou Javier Ruibal. Wyoming colaborou en discos como o do rapeiro El Chojín, Cosas que pasan, que no pasan y que no deberían pasar, publicado en marzo de 2009 e no que interpreta conxuntamente un dos temas. Tamén en 2009 coñece na sala madrileña Honky Tonk a Los Insolventes, cos que percorre dende aquela as salas e os teatros españolas cun repertorio baseado en versións de Rock and Roll dos seus artistas favoritos.