FRANÇOIS CAILLAT. CARTA BLANCA. UN CINE ATORMENTADO

29 / 10 / 2012

Retrospectiva no CGAI acerca dun dos documentalistas máis destacados do cine francés, François Caillat, a quen se lle dedica un foco de catro películas, todas vinculadas con episodios acontecidos na rexión natal do realizador, a Lorena, acompañadas de cinco títulos –entre eles Nostalgia de la luz (2010) do lendario cineasta chileno Patricio Guzmán, autor de La batalla de Chile– que o realizador vincula á súa obra. Interrogándose sobre as pegadas da memoria e explorando a inscrición do pasado na intimidade do cotián, a produción fílmica de François Caillat convoca como ninguén as figuras da ausencia que poboan os seus relatos. Preséntanse tres das súas principais obras, que conforman unha sorte de triloxía en volta da memoria e a paisaxe: La Quatrième génération / [A cuarta xeración] (1997), Trois soldats allemands / [Tres soldados alemáns] (2001) e L’Affaire Valérie / [O caso Valérie] (2004).

A historia dunha familia de madeireiros da zona (A cuarta xeración), a aparición do cadáver dun soldado alemán (Tres soldados alemáns) e a desaparición dunha presunta asasina (O caso Valérie) son as ferramentas coas que Caillat escava a memoria rexional. En Une jeunesse amoureuse / [Unha mocidade amorosa] (2011), presentado en estado de work in progress, o realizador dá un paso máis e atinxe a memoria íntima ao reconstruír as súas lembranzas de xuventude nas rúas de París nos anos 70, un relato de educación sentimental, o corazón e corpos perdidos, unha historia íntima tanto como a aventura dunha xeración. Filmando a xeografía da cidade, o tempo superponse mesturando imaxes de viaxes, desde o descubrimento con vinte anos da contracultura americana e máis tarde a ditadura militar chilena, fotografías, correspondencias…Fragmentos dunha vida revelada para se reencontrar consigo propio e se acordar de todo.
François Caillat é, pois, un dos máis destacados documentaristas franceses actuais. Nos últimos quince anos filmou dez documentais para o cine e a televisión coa ausencia e o esquecemento, as pisadas, e máis amplamente a inscrición sensible do pasado no noso devir cotián como eixos. De formación filosófica, Caillat achégase a cuestións máis teóricas (L’Homme qui écoute, 1998, e Naissance de la parole, 2000) ou a dirixir para a televisión retratos de intelectuais e escritores: Peter Sloterdijk, un philosophe allemand (2003), Julia Kristeva, étrange étrangère (2005) ou J.M.G. Le Clézio, entre les mondes (2008). A longametraxe cinematográfica Bienvenue à Bataville, fábula sobre a felicidade obrigatoria no século XX, foi estreada en Francia en 2008. Ademais, Caillat dirixe a colección «Cinéma documentaire» (publicación de debates, textos críticos e guións) na editorial L’Harmattan e participa en varias asociacións destinadas a promover os documentais franceses e estranxeiros (Collectif Gulliver, Association des Cinéastes Documentaristes ADDOC, Documentaire Sur Grand Ecran).

 

MARTES 30 DE OUTUBRO
NOSTALGIA DE LA LUZ   
(Chile-Francia-Alemaña, 2010)
Dirección e guión: Patricio Guzmán. Produción: Atacama Productions, Blinker Filmproduktion, WDR e Cronomedia. Fotografía: Katell Djian. Duración: 93 minutos.  
A procura da explicación da orixe da vida, con astrónomos chegados de todo o mundo reunidos no deserto de Atacama (norte de Chile) para observaren as estrelas, combinada coa pescuda de desaparecidos baixo a ditadura de Augusto Pinochet. O histórico autor de La batalla de Chile e Salvador Allende, asina un magnífico filme presente en grandes certames (Cannes, Toronto, Marsella, San Sebastián, Punto de Vista).

L’AFFAIRE VALÉRIE    
(Francia, 2004)
Dirección e guión: François Caillat. Produción: Arte, INA e Archipel 33. Fotografía: Jacques Besse. Duración: 73 minutos.  
Na zona de lagos alpina, un cineasta investiga nos lugares de montaña a desaparición, ocorrida hai vinte anos, de Valérie. Valérie parece que asasinou a un turista canadense. Ante a sucesión de testemuñas, a inalcanzable Valérie parece desaparecer unha segunda vez, literalmente absorbida pola paisaxe. Neste decorado encantado e grandioso, as alturas, os precipicios convértense en metáforas, personaxes dunha ficción que a cámara transforma en documental. Un filme en forma de ensaio no que Caillat leva ao extremo o seu traballo sobre a memoria.

MÉRCORES 31 DE OUTUBRO
LE CERCLE DES NOYÉS    
(Francia-Bélxica, 2007)
Dirección e fotografía: Pierre-Yves Vandeweerd. Guión: Bâ Fara e Pierre-Yves Vandeweerd. Produción: Cobra Films e Zeugma Films. Duración: 71 minutos.  
Revisión dunha páxina sombría da historia de Mauritania a modo de documental político. Asinado polo belga Pierre-Yves Vandeweerd, unha viaxe no tempo a 1986 –pero paralela a calquera Guantánamo de hoxe-, onde un grupo de membros do FLAM (Fronte de Liberación Africana de Mauritania) son internados en temibles cárceres pola súa defensa da igualdade de dereitos raciais.    

L’HEURE DU BERGER    
(Francia, 2008)
Dirección, guón, produción e fotografía: Pierre Creton. Duración: 39 minutos.  
Unha das primeiras películas de Pierre Creton, La vie après la mort, mostraba o cineasta na casa dun amigo máis vello, Jean Lambert. Sete anos despois da morte deste, aínda vive nesta casa. Creton toma imaxes daquel tempo, experiencias compartidas, lecturas de Pavese. Selección Oficial no FID Marsella 2009.

UNE JEUNESSE AMOUREUSE    
(Francia, 2011)
Dirección e guión: François Caillat. Produción: Atopic, Ere Production, INA e Images Plus. Fotografía: Jacques Besse. Duración: 113 minutos.  
O narrador relata a súa xuventude no París dos anos 70 a través do reconto dunha educación sentimental, apaixonada e sensual. Unha historia íntima que nos transmite a aventura dunha xeración; un filme sobre a dificultade de amar. Asociando os barrios da cidade con fragmentos de epístolas, fotos de mulleres mozas, música de época, a película constrúe unha xeografía amorosa de París, o espazo que albergou durante quince anos a aprendizaxe e os excesos que marcaron a mocidade do autor. Como contrapunto, imaxes de viaxes en formato Super-8 sobre a contracultura en Estados Unidos e, con posterioridade, a ditadura militar en Chile, rememoran esta época.

Categoría: Noticias
Etiquetas: