Esta pasada fin de semana celebrouse en Toledo, a gala de clausura da X edición do Festival Internacional de Cine Social de Castilla La Mancha onde a curtametraxe Flores para Amalia de Nani Matos, foi dobremente premiada co Premio do Público e o Premio á Mellor Interpretación Masculina que recaeu no actor Gonzalo Uriarte. Das máis de 400 obras presentadas, foron seleccionadas 16 na sección de curtametraxes, sendo esta curta a única representación galega no Festival. Á gala de clausura que se celebrou no Teatro de Rojas en Toledo, só asistiu o director da curta, Nani Matos, xa que Gonzalo Uriarte atópase de xira con Teatro do Atlántico representando “La Charca Inútil” de David Desola. Gonzalo Uriarte é un actor moi coñecido polo público galego xa que daba vida o personaxe popularmente coñecido como Cosme na serie Libro de Familia. Este galadón vén a sumarse así, a outros moitos recoñecementos e distincións que o actor recibiu durante a súa longa traxectoria como actor, entre eles varios premios María Casares e o Agapi pola súa interpretación na longametraxe “ A lingua das volvoretas”

Nani Matos contou ademais para este traballo cun elenco de recoñecidos intérpretes da escena e do audiovisual galegos, no que xunto con Mela Casal e Gonzalo Uriarte figuran Luis Iglesia B., Susana Dans, Teté García, Avelino González, Xan Cejudo, Santi Cortegoso, Xosé M. Esperante e Machi Salgado.

Rodada casi na súa totalidade en na cidade do Lérez, Flores para Amalia foi estreada o pasado mes de abril no Teatro Principal da cidade do Lérez e na súa breve traxectoria foi seleccionada en numerosos festivais.

Flores para Amalia obtivo ademais, os galardóns do público e do xurado dos veciños á mellor curtametraxe de ficción nesta última edición do festival que se celebrou no mes de maio en Cans no Porriño.

    Mela Casal e Gonzalo Uriarte protagonizan esta historia intimista sobre unha parella que pasa os últimos anos da súa vida nunha residencia para maiores, onde a longa enfermidade da muller levará o seu home a tomar unha decisión. Trátase dun traballo sobre os pequenos xestos da vida e sobre a capacidade de conmovernos co máis próximo. Como sinala o seu director, Flores para Amalia é unha desas historias cotiás que “moitas veces pasan diante de nós case sen nos decatar, quizais porque a maioría dos que as protagonizan pasan inadvertidos para unha sociedade que non se para a mirar cara a atrás”.

Coñecido principalmente pola súa faceta de actor teatral e televisivo, Nani Matos regresa con este novo título á realización audiovisual, na que debutou en 2009 como guionista e director da curtametraxe Dies Dei. Con este primeiro traballo participou en máis de vinte festivais internacionais, percorrido durante o que obtivo media ducia de galardóns e mencións especiais.