O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) finaliza mañá mércores 14 de abril –ás 20.30 horas- o ciclo dedicado a Adolfo Arrieta coa proxección de dúas pezas, Kiki (1989) e Vacanza permanente (2006). Estas proxeccións están enmarcadas nunha retrospectiva na procura dun autor pouco recoñecido, que se foi espaciando na programación do CGAI durante os últimos dous anos, grazas á remontaxe que Arrieta efectuou da súa filmografía completa.

Ben encadrado na sección Extraterritorial -nada coa vocación de presentar traballos de corte experimental, propostas fóra tanto de convencións narrativas como de circuítos de exhibición e distribución ao uso, presididas pola quebra coa narración institucionalizada-, Adolfo Arrieta (Madrid, 1942) comeza a súa carreira como pintor, pero pronto e en formato 16 mm., influído por Cocteau, filma as curtametraxes El crimen de la pirindola (1965) e Imitación del ángel (1966).

Establecido en Francia, onde a súa obra é ben recibida e conta coa colaboración de actores de prestixio (Jean Marais, Howard Vernon) e produtores independentes, firma obras de culto como Les intrigues de Sylvia Cousky (1974) e Tam-Tam (1975), obtendo difusión internacional a través de circuítos paralelos, ademais de premios en distinguidos festivais. Dono dun cine poético, persoal e de vocación vangardista e formulación clandestina, regresa a España e roda títulos como Merlín (1990) ou Vacanza permanente (2006).

KIKI
(España, 1989)
Dirección e guión: Adolfo Arrieta. Produción: Párpados P.C. para TVE. Fotografía: Jaume Peracaula. Intérpretes: Clara Sanchís, Javier Grandes. Duración: 24 minutos.
Episodio dunha serie de TVE ideada por Antonio González-Vigil, “Delirios de amor”, que adquire hoxe case matices míticos (un dos 13 relatos foi dirixido por Iván Zulueta). Historia de amor en ambiente sofisticado cun gato como aparente obstáculo, novamente sobresae o gusto polo irracional e os mitos que amosa Arrieta (para a ocasión Adorfo Arrietta) nunha persoal homenaxe a Colette.   
 
VACANZA PERMANENTE     
(España, 2006)
Dirección, guión e produción: Adolfo Arrieta. Duración: 40 minutos.
Arrieta simplifica totalmente o proceso de creación e produción nun título premiado no festival especializado en cine experimental de Luca (Italia). O seu estilo poético e antinarrativo nun canto á liberdade do desexo e un retrato insólito do Madrid de inicios do século XXI, cidade de anhelos e desencontros.