ESTE VENRES O CGAI PROXECTA DÚAS PELÍCULAS NA SÚA SEDE

10 / 07 / 2009

A sección «Fóra de serie» da programación do CGAI deste mes aparece nutrida de títulos ben variados con carácter de estrea. Entre eles destaca a presenza da cineasta peruana Claudia Llosa, da que rescatamos as dúas películas que dirixiu, MADEINUSA e LA TETA ASUSTADA, triunfadora no Festival de Berlín deste ano. Ambas se proxectarán mañá venres día 10 de xullo, respectivamente ás 20.30 e 23.00 horas. LA TETA ASUSTADA volve a proxectarse o martes día 14 ás 20.30 horas Venres 10 de xullo (20.30 horas)

MADEINUSA

(Perú-España, 2006)

Dirección e guión: Claudia Llosa. Produción: Oberón Cinematográfica, Wanda Visión e Vela Producciones. Fotografía: Raúl Pérez Ureta. Intérpretes:

Magaly Solier, Carlos J. De la Torre. Duración: 104 minutos.

Premiada en Rotterdam, Mar del Plata e Cartagena, competiu tamén en Sundance. Un mozo limeño, Salvador, chega a unha vila imaxinaria dos Andes peruanos chamada Manayaycuna («a vila onde ninguén pode entrar» en

quechua) durante a Semana Santa. Na vila séguese unha tradición pola que desde as tres da tarde do Venres Santo ata as seis da mañá do domingo de Resurrección nada se considera pecado, xa que Deus morreu e non pode ver o que pasa. Salvador coñece a Madeinusa e inician unha relación.

Venres 10 de xullo (23.00 horas) e martes 14 de xullo (20.30 horas) LA TETA ASUSTADA (España-Perú, 2009) Dirección e guión: Claudia Llosa. Produción: Oberón Cinematográfica, Wanda Visión e Vela Producciones. Fotografía: Natasha Brier. Intérpretes: Magaly Solier, Susi Sánchez. Duración: 99 minutos.

Fausta sofre da «teta asustada», enfermidade que se transmite polo leite materno de mulleres maltratadas durante as dúas décadas de guerra en Perú.

Os infectados nacen sen alma -esta do susto quedou na terra- e teñen un terror que os illa do mundo. Fausta esconde algo máis, garda un segredo que non quere revelar, ata que a súbita morte de súa nai desencadeará feitos inesperados que transforman a súa vida. A segunda longametraxe de Llosa, peruana afincada en Barcelona, obtivo os premios maiores na última Berlinale.

.

Categoría: Noticias
Etiquetas: