Nesta entrega de Ó Fío do retrato o fotógrafo Anxo Cabada visita O Fogar do Santiso para coñecer ao creador deste curruncho de referencia da cociña tradicional galega, todo un museo etnográfico da nosa cultura e os nosos costumes.

Conta o escritor Manuel Forcadela que Xosé Santiso é un deses soñadores, dispostos a entregarlle a tarde a unha canción, a vida a unha melodía, a noite a unha ponte sobre un río, mentres soa na memoria o eco dun poema que semella estar escrito para ese preciso instante. No seu rostro vai impresa esta condición e hai algo na brancura da súa pel, no seu xeito de mirar a través dunhas lentes levemente escurecidas, que nos sitúa perante un home fascinado polo oído, da música e da palabra que hoxe comparte con Anxo Cabada e con nós.

Cos anos, Xosé Santiso construíu o seu propio fogar, O Fogar do Santiso, un refuxio no que ir reunindo todos os tesouros encontrados, todos os seus saberes. E desde aí regalarlle aos visitantes a ledicia de gorentar os mellores froitos do país, revelando os segredos dunha cociña tradicional que encontrou nel un dos máis ferventes defensores.  O hedonismo e o pracer de vivir viñeron lembrarnos a todos que hai outras formas de vivir, lonxe das présas, dos ruídos, da veloz fuxida cara a ningures.

Canto tempo ten que falar un piano para que sexamos sabedores da súa peculiar mensaxe? Canto tempo habemos de oír o acordeón para estarmos en condicións de contar o que nos di? Canto tempo unha guitarra? Con certeza só a eternidade nos permitiría percibir as innumerables linguaxes da música e o infinito da súa expresión. Xosé Santiso xa está nesa eternidade, leva nela moito tempo. Nese tempo detido, coma no retrato de Anxo Cabada, que só pode brotar da dignidade e da sensibilidade.