A ESCOLA DE FICCIÓN DE VOZ AUDIOVISUAL ENTREGA OS DIPLOMAS A SÚA PRIMEIRA PROMOCIÓN

29 / 06 / 2012

Cinco meses de clases deron para moito. Os alumnos da primeira promoción da Escola de Ficción de Voz Audiovisual ultimaban estes días os seus proxectos de final de curso. Onte pola tarde, recibían os seus diplomas nun acto celebrado na sede da produtora. Alí déronse cita profesionais da talla de Carlos Carballo, Paula Fernández e Alberto Guntín, directivos da compañía; e unha ampla representación dos profesores da Escola, entre os que se puido ver a guionistas como Carlos Portela, Victor Sierra, Lidia Fraga, Dani D. García ou Fran Carballal; e profesores da especialidade de Interpretación, como Ibon Uzkudun, Marcos Orsi e Jorge Saavedra, entre outros. 

Os asistentes á primeira edición da especialidade de Guión concluíron con éxito o deseño e desenvolvemento do seu propio proxecto de ficción para televisión. Para elo, contaron coa tutoría de algúns dos mellores profesionais do sector en Galicia.

A principios desta semana, celebrouse na sede de Voz Audiovisual un pitching, ao que asistiron os propios directivos da compañía. Unha oportunidade para os alumnos de ”vender” os seus traballos  aos produtores en primeira persoa e, para os directivos, de captar para a empresa proxectos orixinais e ben realizados, susceptibles de converterse nun novo éxito da casa.

Pola súa parte, os alumnos de Interpretación tiveron a oportunidade de gravar o seu propio video book profesional, contando coa colaboración dos operadores de cámara, técnicos de son ou directores de fotografía, estilistas, decoradores e produtores das series da compañía, Padre Casares e Matalobos.

 

Aberto o prazo de matrícula

Voz Audiovisual abriu xa o prazo de inscrición para os aspirantes á segunda promoción da súa Escola de Ficción, ao que se sumará unha terceira especialidade en Cámara e Realización, e que darán comezo o próximo mes de setembro. A escola seleccionará neste proceso a un total de 20 alumnos por cada unha das tres especialidades de que se compón: Guión, Interpretación, e Cámara e Realización; os cales se formarán mediante un programa de estudios eminentemente práctico cuxas características se poden consultar xa en www.vozaudiovisual.com ou chamando ao teléfono 981 180 100.

Categoría: Noticias
Etiquetas: