EMILIO MARTÍNEZ-LÁZARO RECOLLE O PREMIO CIDADE DE OURENSE NO 19OUFF

19 / 11 / 2014

O Premio Cidade de Ourense ten como eixo central subliñar a traxectoria profesional dun cineasta de recoñecido prestixio. Por méritos propios, este ano, foi outorgado a Emilio Martínez-Lázaro adquirindo unha nova dimensión, porque ademais de ser un director de éxito, conseguiu encher cos seus traballo as salas de cine de medio mundo e sobre todo, nos últimos anos, tamén as españolas.

Na homenaxe non quixeron faltar amigos do director, como Jorge Sanz que dixo de el que ”Emilio é unha belísima persoa coa que dá gusto traballar” facendo fincapé en que “é un enorme contador de historias e sempre confía ao cen por centro nos seus actores”. Pedro Olea, Premio Cidade de Ourense do pasado ano, tamén quixo mandar unhas palabras para Martínez-Lázaro a modo de felicitación.

Agustín Fernández, alcalde da cidade, compartiu cos asistentes a súa emoción pola homenaxe, declarando que para el “o día central do festival é hoxe, no que premiamos toda unha vida adicada ao cinema”. Tamén quixo comparar o traballo dos cineastas co dos alquimistas, ao considerar que “ambos mesturades todos os ingredientes e despois nos agasallades cos filmes”. Acto seguido e referíndose a Ocho apellidos vascos, felicitou a Emilio por “esta oda ao entendemento entre os pobos”, apostillando que obras así nos fan reflexionar e madurar, e por iso ao cinema se lle pode chamar “fábrica de soños e sétima arte”.

O director de Ocho apellidos vascos, correspondeulle o agradecemento tanto ao Concello como ao público e ao festival, bromeando entre risas ao dicir que entende este premio como un “premio fin de carrera” que é moitísimo mellor que consideralo unha xubilación anticipada xa que “seguirá facendo películas ata que o boten”. Para finalizar, amosou o seu entusiasmo por poder ver de novo o filme rodeado co público ao ser esta a última vez que o ía facer.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: