ELIXIDO POR UNANIMIDADE O COMITÉ DE XESTIÓN DA PLATAFORMA TECNOLÓXICA AUDIOVISUAL I+DEA

2 / 06 / 2008

O pasado venres 30 de maio foi elixido por unanimidade o Comité de Xestión da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual i+dea no transcurso da súa primeira asemblea xeral celebrada en Santiago. En virtude deste acordo a presidencia do Comité corresponde ao presidente do Clúster Audiovisual Galego e do Grupo Filmanova, Antón Reixa, e a vicepresidencia á Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), representada por Juan Manuel Rey-Cabarcos, director de Produción e Xestión de Medios e Ánxel Piñeiro, xefe de Sistema de Información.
O Comité de Xestión complétase cos vogais Francisco Rodeiro e Antonio Rodríguez, da compañía R Cable; Javier Mendoza e Alberto Fernández, de TECNOCOM; Carlos Carballo, da Corporación Voz Audiovisual; e Félix Díaz, en representación da DX de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria. Ostenta a secretaría técnica a xerente do CLAG, Carla Reyes.

Durante a primeira asemblea presentáronse os cinco grupos de traballo da Plataforma que están a traballar en diferentes áreas: contidos e formatos audiovisuais interactivos; animación e xogos; sistemas avanzados para produción e xestión audiovisual; televisión de alta definición; e T-learning. Con estes grupos de traballo, i+dea agarda acadar os obxectivos para o que foi concebida, tal e como declarou no acto o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Antón Reixa, “ i+dea ten como finalidade crear un foro de cooperación entre os axentes do sistema de I+D+i de Galicia vinculados ao sector audiovisual de xeito transparente, flexible e proactivo que axude ás empresas audiovisuais a afrontar as novas demandas e retos de I+D+i, que contistúen as estratexias de futuro”.

Áreas de actuación

No transcurso da asemblea presentouse a Axenda Estratéxica de I+d+i, que constitúe a visión práctica e de consenso entre os actores relevantes do sector audiovisual en Galicia sobre as oportunidades e as necesidades nesta área de actuación. A Axenda é resultado dun extenso traballo de recompilación e análise das opinións de todos os particiapantes de i+dea en relación coas prioridades nos temas que deben ser obxecto de resolución tecnolóxica nos vindeiros anos, empregando como soporte os documentos de referencia das plataformas análogas nacional e europea, eNeM e NEM, respectivamente.

A Plataforma ten prevista catro áreas de prioridades de I+D+i nas que vai traballar: os contidos audiovisuais, os servizos e aplicacións, infraestruturas e redes e terminais e dispositivos ao usuario.

A secretaría técnica creará unha unidade de apoio á I+d+i para promover e facilitar a xestación dos proxectos cooperativos ao abeiro da plataforma. Asemade, contará con paneis de expertos para a identificación e análise de oportuniades de I+D+i de negocio e cun servizo de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva sobre intereses comúns da Plataforma e informes a medida segundo os requerimentos dos grupos de traballo. A secretaría técnica tamén contemplará a creación de programas de cooperación e relacións intitucionais para estimular e facilitar a participación dos membros da Plataforma nos consorcios e proxectos que vinculados ao sector audiovisual se promovan no marco nacional e mundial.

Na asemblea púxose de manifesto o novo escenario do sector, que está obrigado a cambiar máis rápido do previsto para satisfacer os novos hábitos de lecer e de consumo multimedia que permiten as novas infraestruturas de comunicación. Neste contexto, a Plataforma e a súa Axenda Estratéxica de i+dea está concebida para innovar en todos os procesos, directos e indirectos, que interveñen na produción e distribución audiovisual, e para crear e consolidar novos modelos de negocio para o audiovisual en Galicia.,

Categoría: Noticias
Etiquetas: