O libro, editado como álbum en formato grande e que inaugura a colección Contos de cine de Galaxia, vén acompañado dunha curtametraxe de animación multipremiada ao tempo que se publica nun innovador xeito como conto interactivo para iPad. Sen dúbida, estamos diante dunha das apostas galegas máis fortes que nunca se botaran a andar de cara a prestixiar e facer visibles os produtos creativos galegos no mercado internacional. Con esta iniciativa, énchese un importante baleiro no mundo editorial e audiovisual que axuda a poñer a cultura galega e Galicia no vieiro da modernidade. Deste xeito, tres empresas galegas alíanse para deseñar un novo xeito de promover internacionalmente a potencia creativa do noso país.

O texto literario de H.C. Andersen foi adaptado ao galego a para os novos formatos por Xavier Senín a partir da curtametraxe animada que Continental Producciones e Algarabía Animación presentaran hai pouco máis dun ano, ambientada no Museo do Xoguete de Allariz e dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde seguindo a técnica do stop-motion con deseños de Alfonso Costa. Emilio Aragón puxo a música a este fermoso proxecto no que tamén colaboraron prestando as súas voces actores como Luis Piedrahita ou Manuel Manquiña.

Posteriormente, a Editorial Galaxia asumiu o reto de convertelo nun libro multisoporte que conxugase o pracer estético do álbum ilustrado de gran formato co DVD de animación. Ambas as empresas, a audiovisual e a editorial uníronse para implicar a Moonbite Games no desenvolvemento da aplicación para iPad de tal xeito que agora o conto é, ademais, un produto interactivo no que os personaxes de Andersen se relacionarán cos lectores e lectoras que participarán así dunha experiencia novidosa multisensorial. Sobre a versión para iPad é importante termos en conta que estamos diante dunha aplicación absolutamente novidosa que chamamos ‘iMotion Kid’ tecnoloxicamente moi complexa e innovadora a escala internacional e cen por cen ‘made in Galicia’. O equipo encargado do seu desenvolvemento é o mesmo que deseñou o formato ‘iMotion Comic’ (‘Quotidianía Delirante’ de Miguelanxo Prado na súa versión animada para iPhone/iPad, número 1 en descargas na súa sección de AppStore- España.