EDICIÓN HISTÓRICA DO FESTIVAL DE CANS CON RÉCORD DE PÚBLICO E O RECOÑECEMENTO A UNHA NOVA XERACIÓN DE CINEASTAS GALEGOS QUE TRABALLA FÓRA DO PAÍS

28 / 05 / 2013

O Festival de Cans celebrou os seus dez anos de andaina coa edición máis multitudinaria, variada e emotiva da súa historia. Máis de 12.000 persoas pasaron por Cans, no ano no que se conseguiu unha mellor resposta á programación que se desenvolve ao longo dos catro días. O éxito nas proxeccións, os coloquios, os concertos e as exposicións programadas e o bo ambiente conseguido, cun público numeroso e moi diverso en idades, gustos e procedencias, deixan moi satisfeita á organización e referendan o papel do Festival de Cans como a gran festa popular do cine, e o mellor escaparate para o audiovisual galego e o lanzamento dos novos creadores e creadoras do país

O palmarés desta décima edición supuxo o descubrimento dunha xeración emergente de cineastas galegos, que marcharon fóra para formarse e na procura das oportunidades que non atopaban aquí, e que están triunfando cos seus primeiros proxectos. Deste xeito, esta nova canteira audiovisual é premiada por primeira vez na súa terra. É o caso de Roi Fernández, que marchou estudar dirección cinematográfica ao City College of New York e que obtivo o premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción e á mellor banda sonora por Calquera infinito posible. Pola súa parte, Alberto Vázquez, consolídase como curtametraxista no apartado de animación, logo de gañar o premio do xurado en Cans por segundo ano, desta volta con Sangre de Unicornio. O premio do público e do xurado dos veciños para a mellor ficción foi para Flores para Amalia, de Nani Matos, que demostra que segue a ser posible facer curtas de calidade dende Galicia. E o premio do público para a mellor animación foi para Only You, de Belén Sousa, unha creadora moi nova formada nas Illas Baleares.

No caso dos galardóns de mellor interpretación masculina e feminina, ambos recaeron nos protagonistas da cinta Mal de sangre, o actor Carlos Blanco e a actriz Helena Miquel. Esta curta, dirixida por Pedro Díaz, está rodada en Barcelona, onde reside e traballa este creador. O premio ao mellor guión foi para Robin & Robin, escrita e dirixida por María Pérez e Hugo Amoedo, que están comezando a desenvolver a súa carreira en Bélxica. Por último, cómpre salientar tamén o descubrimento da realizadora Soledad Rebollo, premio do xurado ao mellor videoclip por “Un mundo en trance” de Lemuripop. O premio do público ao mellor videoclip foi para Julián Maguna, por “Terra” de Dakidarría.

Mañá mércores 29 o Bar Liceum do Porriño, como vén sendo habitual, acollerá unha sesión de cine coas curtametraxes gañadoras do X Festival de Cans.

Edición histórica

A do décimo aniversario foi unha edición histórica, na que o Festival de Cans se afianzou como punto de encontro entre os creadores do sector audiovisual e o público. A Asociación Cultural Arela, organizadora do certame, e o seu director, Alfonso Pato, están especialmente satisfeitos coa a resposta do público ao coloquio de Juanma Bajo Ulloa, que encheu a Leira de Alicia a pleno sol cun debate centrado nas fraquezas da industria cinematográfica española, no que puxo de manifesto a súa relación tensa cos produtores, relatou como hipotecou tres veces a súa casa para sacar adiante os seus proxectos, perdéndoa á terceira, e deu a exclusiva de que vai convidar a Tony Lomba a debutar no cinema nun dos seus próximos proxectos.

Os coloquios con Manuel Fernández-Valdés, Fernando Cortizo e Alfonso Zarauza tamén tiveron gran afluencia de público e xeraron debates interesantes. Xunto á sección consolidada “Fill@s de Cans, estreouse con éxito “A que andas?”, un apartado na que varios cineastas presentaron os seus novos guións. A organización destaca a cercanía que caracterizou a presenza no festival de persoas como Unax Ugalde, Cristina Pato, Juan Ibáñez, Alejandro Marzoa, Patricia Vázquez e todo o equipo da serie “Era Visto!” ou Manuel Manquiña, o premio Pedigree’13.

Concertos inesquecibles

Máis de vinte actuacións musicais completaron o programa desta edición irrepetible, demostrando que é posible organizar un evento no que teñen cabida xéneros musicais dispares. Neste senso, sobresaíu un dos actos máis emotivos do festival, a homenaxe a Rogelio Groba, que colleu de novo a batuta para dirixir a Banda de Guláns en Cans, onde debutou hai 65 anos. Groba descubriu unha placa no torreiro de Cans para lembrar este momento arroupado por músicos de rock e folk asiduos do festival, entre eles, Julián Hernández, Uxía e Cristina Pato. O compositor manifestou que nunca se emocionara tanto nunha homenaxe e prometeu compoñer un tema para o festival.

O Torreiro de Cans vibrou en todas as actuacións musicais. Na mente de todos quedará gravado o concerto de Tony Lomba e Elio do Santos, que comezou con “Dáme un bico”, o himno que compuxo para o festival que corearon todos os asistentes. O momento álxido da actuación chegou cando Lomba, mentres interpretaba o tema “Ese amor de la abuela”, baixou do escenario para subir as escaleiras da casa de Alicia e entregarlle un ramo de flores a esta veciña de Cans, propietaria do Jalpón Fri e da Leira dos Coloquios. Como convidados do concerto subiron ao escenario Uxía e Anxo Pintos.

Tampouco será fácil de esquecer o animadísimo concerto El Gran Wyoming y Los Insolventes, o momento que congregou a máis persoas no torreiro de Cans. Con colaboracións como Silvia Superstar e Javi Arizona, o concerto enganchou a un público que non deixou de bailar e cantar a coro todos e cada un dos temas, e que acabou aclamando a Wyoming ao grito de “Presidente, presidente”.

Do mesmo xeito, o Jaliñeiro Unplugged volveu ser un signo de identidade do festival. O espazo quedou pequeno durante a vibrante actuación de Cristina Pato, con espectadores tanto diante coma detrás do escenario. Aquí actuaron tamén Fon Román e Lobishome, mentres que o Cans Voulevar tamén se enchía cos concertos de Grampoder, Óscar Avendaño e Radio Cos.

Tocamos teito, agora toca diversificar

Das 12.000 persoas que pasaron polo festival, aproximadamente a metade asistiron a algunha proxección. O sábado 25 foi o día con máis público da historia do festival, aproximadamente a metade do número total de espectadores desta edición, tocando o teito de cantidade de persoas que se achegaron ao festival pola tarde. Este ano ademais ampliouse o número de espectadores das curtas da sección oficial coa posta en marcha do pase matinal o sábado. Esta sesión tivo moi boa acollida e xerou tamén un maior ambiente matutino no día grande do festival.

Cans está no seu tope de afluencia de público, polo que o seu obxectivo para vindeiras edicións será seguir diversificando os contidos con novas propostas e mantendo a súa maneira de programar alternativa, diferente e orixinal. A organización está moi satisfeita co plan de mobilidade posto en marcha para esta edición, co que se reforzou a liña de buses lanzadeira dende o Porriño a Cans. A xente respectou o corte de tráfico, empregando os aparcamentos habilitados no centro do Porriño e subindo a Cans en bus, o que facilitou en gran medida o bo funcionamento do festival.

O Festival de Cans seguirá apostando tamén polo traballo educativo que garante o futuro e o relevo xeracional. Nesta edición 500 rapaces e rapazas dos centros de ensino da comarca e arredores pasaron pola sección «Cans do futuro», e tendo en conta o éxito, a idea será seguir reforzando esta iniciativa, moi aprezada polo alumnado. Así mesmo, manteranse os proxectos Can Campus e Cans Proxecta, en colaboración coas universidades.

Visibilidade do apoio dos veciños

Outro dos elementos claves para a organización é que os veciños e veciñas teñen cada vez un papel máis destacado no festival. Este ano o seu apoio foi máis visible que nunca, cun xurado formado por cinco persoas da parroquia e a entrega dos chimpíns de Prata as catro casas pioneiras que abriron as súas portas na primeira edición, un dos momentos máis emotivos do festival.

A organización deu espazo a dúas propostas creativas de veciños e veciñas: ExpoDivina, unha escolma do traballo pictórico de Divina Campos; e a Costa Azul, unha exposición retrospectiva de dez anos de festival. Tamén destaca o papel dos máis novos da parroquia en múltiples tarefas: dende os máis pequenos, que exerceron con gran pericia de guías dos camiños, ata os mozos e mozas.


Categoría: Noticias
Etiquetas: