Os estudos de animación Dygra Films puxeron en marcha en marcha, até o 31 de xaneiro de 2011, un concurso no que ofrecen a posibilidade de que animadores 3D incorporen unha mostra do seu traballo en Holy Night!, a cuarta longametraxe da produtora galega, dirixida por Juan Galiñanes.

O concurso consiste en facer pequenas animacións de 15 ou 20 segundos, nas que os participantes terán que dar vida a unha das ovellas do rabaño de Sara, unha das protagonistas de Holy Night! Cada participante poderá enviar tantas animacións como queira. As redes sociais serán un vehículo importante para dinamizar o concurso, que se difundirá a través do blog www.the3dchallenge.com, a conta de Facebook Holy Night! The 3D Challenge – You Dare? Atréveste?, a de Twitter @HolyNight3D, e a de Youtube The3DChallenge.

Con esta iniciativa, Dygra Films pretende achegarse ao novo talento a través dunha proposta nova. O resultado do concurso darase a coñecer a mediados de febreiro, e os gañadores verán incorporada a súa animación e o seu nome nos créditos de Holy Night! que, segundo Dygra, xa terminou a súa produción e será estreada no Nadal de 2011. A acción do filme animado en 3D narra o conflito que se desata entre figuras de Nadal, nun salón no que conviven a tradición latina -cos Reis Meigos- e a saxona -con Papá Noel-.