O DIRECTOR DE CLAN PARTICIPARÁN EN MICATLÁNTICA CUN COLOQUIO SOBRE ANIMACIÓN INFANTIL

20 / 11 / 2013

O Clúster Audiovisual Galego (Clag) colabora co Mercado das Industrias Culturais Atlánticas, MICAtlántica, a través da organización dun coloquio co director de Clan TV, Yago Fandiño, e cos produtores do sector audiovisual galego. O encontro terá lugar o vindeiro 25 de novembro na Cidade da Cultura en Santiago e enmárcase na sección Fórum do MICAtlántica.

O Clúster celebrará unha sesión sobre “O apoio de TVE á creación de series de animación infantil”, impartida polo director de Clan, Yago Fandiño, en colaboración con MICAtlántica, que se desenvolverá do 23 ao 26 de novembro en Compostela.

MICAtlántica está organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Sectetaría de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina. Trátase do primeiro encontro entre empresarios arxentinos, españois e portugueses a través de Galicia, co obxectivo de desenvolver as industrias culturais destes territorios e contribuír ao intercambio e ao crecemento dos seus bens e servizos culturais. No mercado estarán representados os sectores das artes escénicas, audiovisual, deseño e artesanía, editorial, música e videoxogos.

O director de Clan TV participará nun dos dous Forums de MICAtlántica que se celebrarán o luns, día 25. O coloquio será presentado polo presidente do Clag, Andrés Barbé, e moderado por Chelo Loureiro (Abano Producións). A participación a este foro está aberta a profesionais e público en xeral, e a asistencia é libre ata completar aforo.

Experto en novas tecnoloxías e entretemento infantil Yago Fandiño chegou á dirección da canle Clan (TVE) no mes de decembro de 2012. É o responsable de Programas Infantís de Televisión Española e está á fronte tamén dos contidos interactivos na área infantil. A traxectoria vital e profesional de Yago Fandiño estivo vinculada ás novas tecnoloxías de comunicación, e máis concretamente á comunicación e ao entretemento infantil. Este xornalista de formación conta cunha dilatada experiencia en proxectos integrados Web/Tv.

O seu labor foi recoñecido cos premios ATR Asturias 2011, pola aplicación Clan para smartphones; Premio do xurado Chavales á mellor web infantil 2010; Premio Andaluna 2009 de Promoción dos Dereitos da Infancia e 2005 Best Children Website, MetrixLab.

Yago Fandiño representou aos Broadcasters públicos Europeos en encontros sectoriais en Corea e participa regularmente en mesas redondas e encontros profesionais. No 2011 participou nas reunións consultivas para a elaboración do novo Plan Estratéxico Nacional de Infancia e Adolescencia. Tamén colaborou co Goberno de Colombia como experto internacional en comunicación infantil.

Ciclo de Coloquios do Clag

Con este encontro, o Clag prosegue a desenvolver o seu ciclo de coloquios dirixido aos produtores do sector audiovisual galego, que se iniciou o pasado mes de xaneiro cunha exposición a cargo da directora xeral do Instituto de la Cinematografía y las Artes Escénicas (ICAA), Susana de la Sierra, sobre o apoio da súa institución á cinematografía española. No mes de abril, a naquel momento directora da Área de Cine de TVE, Eva Cebrián, trasladoulles aos produtores galegos as políticas levadas a cabo pola canle de televisión pública en relación co cine español.

Categoría: Noticias
Etiquetas: