Os máximos representantes de Circom Rexional (Asociación Europea de Televisións Rexionais), organismo que abarca a 260 estacións de televisión de 34 países europeos, manterán un encontro en Santiago de Compostela, en Galicia, os días 16 e 17 de novembro, organizado pola CRTVG.

Unha trintena de membros do Comité Executivo e do Consello Europeo de Circom reuniranse na Facultade Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) os próximos venres e sábado (16 e 17 de novembro) co obxectivo de ultimar preparativos para a celebración da 31ª Conferencia Anual de Circom, que terá lugar en Santiago do 9 ao 11 de maio de 2013, e á que se espera que asistan uns 300 delegados de todo o continente. Na axenda de traballo das reunións dos próximos días figura o futuro contido do Congreso, no que están previstos debates sobre a importancia da televisión pública rexional no ámbito de Europa, especialmente nas actuais circunstancias económicas, e sobre as implicacións deste feito nos campos da produción televisiva, o xornalismo ou o desenvolvemento das novas tecnoloxías.

Así mesmo, na reunión preparatoria desta semana, abordaranse proxectos de coproducións, cooperación, actividades de formación e un estudo sobre a dimensión da televisión rexional. Os directivos que acudirán a Santiago proceden dunha vintena de países. Destacan os nomes de Jacques Briquemont, presidente de Circom Rexional, e de Fernando R. Ojea, director de Comunicación da CRTVG, que é vicepresidente da asociación. O encontro está organizado pola CRTVG, en colaboración coa USC, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. A organización da Conferencia Anual de Circom rexional en 2013 foille asignada ao ente público galego durante o anterior Congreso, que tivo lugar o pasado mes de maio en Malmö (Suecia) e onde a TVG logrou o prestixioso Prix Circom á mellor ficción europea pola serie Matalobos.