Do 18 ao 20 de xullo vaise a levar a cabo no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova o IX Curso Universitario de Comunicación Audiovisual, organizado pola Fundación Carlos Casares e o Vicerrectorado do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, en colaboración co concello desa localidade ourensá e a Deputación Provincial. Este ano leva por título “Crise vs Creatividade: os novos desafíos do audiovisual galego”, e consistirá en proxeccións de producións audiovisuais galegas que se acompañarán de coloquios cos seus responsables. 

O curso abrirao o mércores 18 de xullo, ás 09:30 horas, o seu director, o crítico de cine e profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo Miguel Anxo Fernández. Ás 10:00 horas visionarase o premiado documental Tralas luces, de Sandra Sánchez, e posteriormente terá lugar unha charla coa súa directora e coa súa productora, Fernanda do Niño. A continuación, tralo acto oficial de inauguración coa presenza de representantes das institucións organizadoras e patrocinadoras, poderase ver o documental de reconstrucción histórica Os días brancos. Apuntes sobre a rodaxe de Nostalghia (Andrei Tarkovski), dirixido e producido por José Manuel Mouriño, quen, trala comida, pronunciará unha conferencia sobre a obra. Ás 17:00 horas exhibirase a multipremiada cinta animada Engurras, de Ignacio Ferreras, ao que seguirá unha charla coa súa guionista, Angel da Cruz, e coa súa productor Manuel Cristóbal. Para pechar a xornada, veranse os curtos realizados nas aulas Cuestión de idade, de Leticia Otero, e Boas noites, de Montserrat Garabato, e haberá un debate coas directoras. O xoves 19, a xornada iniciarase ás 09:00 horas co pase do documental Vikingland, de Xurxo Chirro, ao que seguirá unha charla con el e coa productora Beli Martínez. Ás 12:00 horas verase o filme de ficción O sexo dos anxos, de Xavier Villaverde, e, trala comida, participarán nun coloquio o director e o productor, Pancho Casal. Máis adiante, tras unha charla sobre a animación a cargo de Fortunato Rodríguez, profesor da Universidade de Vigo, proxectarase o curto do xénero Birdboy, de Pedro Rivero e Alberto Vázquez, ao que seguirá unha charla con Rivero como pechadura da xornada.

O venres 20, o curso abrirase ás 10:00 horas coa proxección do documental Mercado de futuros, de Mercés Alvarez, e unha charla coa directora e co productor Xosé Zapata. A continuación, ás 13:00 horas, verase o curto As cousas de Kulechov, de Susana Rei, e haberá unha conversación coa súa directora. Pola tarde, ás 16:30 horas, terá lugar unha charla sobre o cine feminino en Galicia a cargo da profesora da Universidade de Vigo Anna Amorós, e máis tarde exhibirase o documental histórico de Manane Rodríguez Memorias rotas, ao que seguirá un coloquio con ela e co guionista Eliseo Fernández. Como colofón, poderase ver un curtametraxe de ficción que realizarán durante o curso, de forma paralela ao mesmo, alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo e da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), dentro do taller “Celanova: plató de ficción”, que coordina o profesor Paulino Pérez Feijóo. Os obxectivos do curso, que admite un máximo de 70 alumnos, e cuxo custo é de 60 euros (con descontos para diversos colectivos), son, por unha banda, dar oportunidade aos creadores galegos para presentar e debater co público ao redor da súa obra, e, por outra, contribuír á visibilidade do cine propio nun contexto aínda adverso para a difusión por motivos estrictos de mercado. Para esta edición optouse por un programa variado que reflexa, segundo a organización, a boa saúde creativa do audiovisual feito en Galicia. Máis información, na web www.fundacioncarloscasares.org/?p=2215