O pasado venres 31 de xullo tivo lugar a presentación en Lisboa da logametraxe de animación dirixida por Miguelanxo Prado De Profundis, e da curtametraxe de animación A flor máis grande do mundo, dirixida por Juan Pablo Echeverry, que irá precedendo á longametraxe nos cines lusos.

Á presentación acudiron o director de De Profundis, Miguelanxo Prado, o compositor da música, Nani García, os produtores Pancho Casal e Luis Da Matta, a produtora executiva, Chelo Loureiro, o Director Xeral de Promoción e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Francisco López-Barxas, o distribuidor portugués da obra, Fernando Vendrell, José Pedro Ribeiro, presidente do ICA (equivalente o ICAA en España), un representante do Ministro de Cultura portugués e Sergio Machado, director da Fundación José Saramago. Pola noite tivo lugar nos cines UCI a preestrea das dúas obras.     

DE PROFUNDIS chega agora aos cines en Portugal, despois de que a obra fose estreada en xaneiro de 2007 no noso país, e fose nominada ao Goya a Mellor película de animación ese mesmo ano. Conta a fantástica historia dun pintor namorado do mar, que vive xunto a súa amada, unha violonchelista, nunha romántica casa situada no medio do océano. Trátase dun poema visual sen diálogos, cada fotograma é un cadro ao óleo  acompañado dunha orixinal música sinfónica que, aproveitando as tecnoloxías de tratamento dixital das imaxes, móstrannos unha deliciosa homenaxe ao mar. Partindo dunha estrutura de conto tradicional, desenvolve unha historia máxica, de amor e fascinación.   

A FLOR MÁIS GRANDE DO MUNDO é unha curtametraxe baseada nun conto do premio Nobel José Saramago, que prestou a súa voz como narrador nesta historia de rara beleza, colmado de símbolos e enigmas. Nel hai dúas mensaxes, unha para os nenos (o descubrimento, a valentía, o altruismo), e outra para todos os homes e mulleres que se interrogan sobre o seu lugar no mundo. Está dirixida Por Juan pablo Echeverry e conta cunha banda sonora composta por Emilio Aragon, que na súa faceta de compositor é o responsable da música que sementa de emoción esta obra tan especial. A curtametraxe foi nominada aos Goya na categoría de Mellor Curtametraxe de Animación en 2008, e estivo en multitude de festivais nacionais e internacionais.  

A estrea destas dúas produccións de animación no país veciño, non só supón un éxito para continental, senón tamén para o audiovisual galego e español, dada a gran dificultade que existe para estrear películas españolas en Portugal. Isto reflíctese en que no último ano, as dúas únicas películas españolas estreadas en Portugal foron  Vicky Cristina, Barcelona de Woody Allen e Che, El Argentino, dirixida por Steven Soderbergh. 

Máis información en:
www.deprofundislapelicula.com
www.continental-producciones.es