CURTOCIRCUÍTO PROXECTARÁ 259 CURTAS PROCEDENTES DE 40 PAÍSES

13 / 10 / 2008

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, o nacionalista Xosé Manuel Iglesias, e a Concelleria de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García, presentaron a V Edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, no que se proxectarán 259 curtas, procedentes de 40 países, escollidas entre as 2.558 que se presentaron ao concurso. Na presentación tamén estivo o director do Festival, Tim Redford.
O Curtocircuíto desenvolverase do 17 ao 24 de outubro. Por primeira vez terá unha semana de duración. O Festival duraba ata agora catro días, pero este ano decidiuse amplialo co obxectivo de consolidalo como o festival máis importante da Península Ibérica, tanto polo cantidade e calidade de curtas recibidas como polo público asistente.

Curtocircuíto presenta este ano un amplo abano de actividades. O eixo central serán as proxeccións das 147 curtas escollidas para a Sección Oficial, que se poderán ver gratuitamente no Teatro Principal. Tamén se proxectarán outras 112 curtas nos 11 programas paralelos, que terán lugar no CGAC e a Facultade de Filosofía. O público poderá ver o mellor da curtametraxe mundial da actualidade, xa que haberá 40 países representados. Ademais, poderá votar para outorgar o Premio do Público, un dos nove premios que se entregarán este ano na Gala de Clausura, que se celebrará o 24 de outubro no Teatro Principal.

Internacional de Curtametraxes, no que participarán máis de 100 profesionais do sector audiovisual, procedentes de 15 países, que poderán mercar os dereitos das curtametraxes inscritas no Festival. Con estas cifras Curtocircuíto consolídase como un evento de referencia non só para directores, senón tamén para produtores e distribuidores.

Unha das novidades máis importantes da edición deste ano é o programa «As Grandes Curtas», que se desenvolverá en colaboración coa Secretaría Xeral de Benestar da Consellería de Vicepresidencia. Este programa, que comeza tamén o 17 de outubro, achegará o mundo das curtametraxes a 540 persoas maiores de toda Galiza. As persoas participantes pasarán un día de lecer en Santiago, no que verán unha escolma de curtas e coñecerán mellor a cidade cunha visita guiada deseñada especificamente para persoas maiores.

Ademais, Curtocircuíto desenvolverá tres obradoiros de Formación. Haberá un Obradoiro de animación para nenos e nenas de entre 8 e 10 anos, impartido por Juan Pablo Etcheverry, no que os cativos gravarán unha curtametraxe. Os
outros dous obradoiros, destinados a profesionais, son: “Postproducción e mestura de son”, impartido por Diego Staub e Carlos García, e “Estereoscopía”, impartido por Enrique Criado, que traerá a Santiago as últimas novidades de cinema en 3D.

Os xornalistas interesados en cubrir as actividades de Curtocircuito poden rexistrarse en http://www.curtocircuito.org/galego/acreditacion1.asp.

Categoría: Noticias
Etiquetas: