A partir do sábado 11 de outubro a galería Zona C acolle a exposición ANIMAR que chega a Santiago a través de Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes que organizan a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela. ANIMAR é un proxecto que comezou no 2005 para amosar ao público máis novo os diferentes modos nos que se crea o cinema de animación. Esta exposición introdúcenos nalgunhas das técnicas de produción máis inusuais dentro do mundo da animación.

David Freitas e Miguel Días, responsables do Festival Curtas Vila do Conde (Portugal), foron os encargados de programar esta exhibición a partir dos traballos que se incluíron nas tres edicións anteriores, orixinalmente expostas en Solar- Galería de Arte Cinemática, en Vila do Conde.

A entrada á exposición, organizada polo departamento que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias, é completamente gratuíta e inclúe diferentes espazos dedicados a catro curtametraxes. Os asistentes poderán ver as curtas e descubrir as técnicas e materiais cas que foron creadas.

Aqueles que se acheguen a visitar a exposición durante a Semana Oficial de Curtocircuíto (entre o 17 e o 24 de outubro) poderán contar cun guía contactando ca organización do Festival no teléfono 981 554 871.

A Zona C, en Santo Domingo de Bonaval, acollerá a exposición entre os días 11 e 25 de outubro entre as 11:00 e as 14:00h pola mañá e as 16:00 e as 20:00h pola tarde.

A Semana Oficial de Curtocircuíto celébrase entre o 17 e o 24 de outubro e inclúe outras moitas actividades relacionadas co cinema de curta duración: o concurso de curtas, o III Mercado Internacional de Curtametraxes, obradoiros de formación, mesas redondas… Toda a información pode atoparse na web do festival www.curtocircuito.org