Curtocircuíto Festival Internacional de Curtametraxes, que se celebra este ano do 6 ao 11 de outubro, dá a coñecer parte da súa programación, que irá facendo pública de aquí a mediados de mes, cando se presenten todos os contidos da 11ª edición en rolda de prensa. O certame reconfigura a súa sección de traballos galegos para poñer en valor os máis destacables da tempada, acorde á súa liña editorial. Un total de 9 obras, máis o cinema da comunidade presente na sección oficial, competirán polo premio Curtocircuíto á Mellor Curtametraxe Galega, valorado en 2.000 euros. Adicionalmente, as asociacións CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) e AGAG (Asociación Galega de Guionistas) concederán nesta categoría os premios ao mellor director e o mellor guión respectivamente, cunha dotación de 500 euros para cada trofeo.

O título da sección, Planeta GZ, remite á nova ordenación conceptual das diversas categorías do festival, antes divididas seguindo criterios xeográficos, e agora estruturadas en diferentes graos de exploración narrativa e visual. Planeta GZ non é un caixón de xastre para que compitan as obras galegas do ano, senón un espazo para seleccionar aquelas que o festival considera de máis calidade e en consonancia coa súa filosofía. Procúrase que todo o programa teña relación entre si, con claros vínculos conceptuais entre as seccións.

Deste xeito, seleccionáronse 9 traballos de probada traxectoria en festivais internacionais ou de directores que Curtocircuíto considera relevantes e prometedores. Unha das escollas obvias deste ano era Ser e voltar, de Xacio Baño, documental sobre a relación dos avós do realizador co cinema, que arrincou aplausos no prestixioso festival de Locarno, onde tivo a súa presentación internacional. Un percorrido fulgurante, é o que tamén está a experimentar Hogar, hogar, de Carlos Alonso Ojeda. Relato de supervivencia apocalíptica centrado nun claustrofóbico búnker e con sorpresa final, o filme impresionou a programadores de citas tan importantes como a Seminci. E para completar o apartado dos directores con traxectoria, o certame estrea o último de Marcos Nine, Matanza, documental etnográfico-observacional sobre o proceso da matanza tradicional do porco en Galicia.

Xunto a eles, seis importantes promesas do noso cinema: Hugo Amoedo retrata no seu lugar de residencia, Bélxica, o particular Camping Wesertal, con personaxes ao límite que remiten a un estrafalario western; o músico Rafa de los Arcos intérnase no pouco practicado filme-ensaio e sae indemne do experimento en Everest; o máis novo do grupo, Nacho Canosa, realiza Diarios de ballenera nunha instalación abandonada deste estilo na Costa da Morte, partindo de materiais de arquivo; Eloy Domínguez Serén tira de diario filmado para contar as súas vivencias laborais e persoais como inmigrante en Suecia en Pettring; Álvaro Gago practica a ficción de tipo social e intimista na bela e tenra Curricán; e Iria López completa o conxunto coa única animación de Planeta GZ, Jamón.

Carta branca ao Cineclube de Compostela

O festival quere ademais abrir a programación á cidade, polo que decidiu dar carta branca a un colectivo de Santiago para que programe unha sesión. O Cineclube de Compostela presentará un conxunto de películas, moi en consonancia coa liña editorial marcada nos seus máis de dez anos de historia. Directores habituais do Cineclube como Jean-Marie Straub e Danièlle Huillet terán presenza na sesión co En rachâchant (1982). Escrito pola intelectual Marguerite Duras, é a primeira comedia na carreira de Straub e Huillet. Un relato que nos recorda os perigos da educación regrada como mecanismo de control social. A contestación política, constante do Cineclube, trasládase tamén á embaixada repleta de refuxiados de L’ambassade (1973) de Chris Marker, outro dos seus fetiches; ou ao famoso vídeo de Hito Steyerl November (2004). O traballo máis actual, tamén na liña do vídeo-ensaio con imaxes tiradas de arquivos, é Redemption (2013) de Miguel Gomes. Un dos mellores autores lusos do momento, sensación no panorama cinéfilo internacional, Redemption completa unha selección que será presentada e defendida polos programadores do Cineclube no Teatro Principal.