Teresa Fernández-Valdés e Ramón Campos, fundadores de Bambú Producciones e creadores de series como Gran Reserva e Gran Hotel, estarán a próxima semana no Máster en Producción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Ramón Campos, produtor executivo de Guante Blanco e Desaparecida, impartirá clase o próximo xoves 24 sobre o proceso creativo dunha serie de ficción e abordará desde as claves de desenvolvemento dun guión, o casting e os condicionantes da produción ata as negociacións coa cadea de televisión. Campos realizou boa parte da súa carreira profesional en Galicia, onde creou series que triunfaron na Televisión de Galicia, como As leis de Celavella, A vida por diante ou Padre Casares.

No ano 2004 incorporouse a Voz Audiovisual como director do departamento de Desensenvolvemento e produtor executivo. Tres anos máis tarde empezou no Grupo Ganga como produtor executivo da serie de ficción Desaparecida, da que tamén é creador e guionista. Desde a súa empresa, Bambú Producciones, a súa primeira aposta televisiva foi Guante Blanco, para TVE. Nesta serie, Ramón Campos asumiu a produción executiva e traballou co equipo de guión sobre unha idea orixinal propia. Os seguintes éxitos da produtora chegaron da man de Gran Reserva, que acaba de estrear a súa 3ª temporada, e Hispania, la leyenda.

O venres 25, Teresa Fernández-Valdés abordará a negociación e o financiamento en televisión e exporá casos prácticos da posta en marcha dunha empresa e de como presupostar un proxecto documental ou un proxecto para televisión. A produtora de Bambú tratará tamén os elementos que entran en xogo á hora de presupostar series de ficción en televisión, ademais dos compoñentes dun equipo de produción e o plan, orde e calendario de rodaxe, así como a xustificación de gastos.

Fernández-Valdés, que pertence á promoción 2003-2004 do MPXA, comezou a súa traxectoria profesional na produtora Voz Audiovisual e desde o departamento de desenvolvemento participou en diferentes proxectos de ficción para a TVG. Máis tarde traballou como asesora da empresa Impulso TV, ao mesmo tempo que se dedicou ao desenvolvemento e venta de novos proxectos de ficción e á coordinación de eventos de marketing e comunicación para Continental Producciones, Voz Audiovisual e Tic Tac Producciones. Ademais, ocupou o posto de produtora executiva adxunta no Grupo Ganga para a serie Desaparecida emitida en TVE. En 2008 iniciou a súa carreira como empresaria e fundou xunto a Ramón Campos a produtora Bambú Producciones, que tamén dou vida á serie de ficción Gran Hotel e á TV-movie Marco, que na súa estrea logrou ser a emisión máis vista do prime time ao rexistrar un 17,1% de cota de pantalla.

Na actualidade a produtora prepara unha nova ficción para Antena 3 que se desenvolverá nuns grandes almacéns.