OS CREADORES DE GRAN HOTEL E GRAN RESERVA ESTARÁN NO MPXA

9 / 01 / 2012

Teresa Fernández-Valdés e Ramón Campos, fundadores de Bambú Producciones e creadores de series como Hispania, la leyenda e Gran Reserva, estarán esta semana no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para ofrecer aos alumnos as claves do desenvolvemento dun guión e explicar os elementos que entran en xogo á hora de presupostar series de ficción en televisión. 

Ramón Campos, produtor executivo de Guante Blanco e Desaparecida, impartirá clase o próximo luns 9 sobre o proceso creativo dunha serie de ficción, empezando desde o guión, o casting e os condicionantes da produción ata as negociacións coa cadea de televisión. Campos desenvolveu a súa carreira profesional en Galicia, onde creou series que triunfaron na Televisión de Galicia, como A vida por diante ou Padre Casares, e foi autor de dúas películas rodadas para televisión que se emitiron en Telecinco: Diario de un skin e Secuestrado en Georgia.

No ano 2004 incorporouse a Voz Audiovisual como director de departamento de desenvolvemento e produtor executivo. No 2007 traballou para o Grupo Ganga como produtor executivo da serie de ficción Desaparecida, da que tamén é creador e guionista. Desde a súa empresa, a súa primeira aposta televisiva foi Guante Blanco, para a TVE. Nesta serie, Ramón Campos asumiu a produción executiva e traballou co equipo de guión sobre unha idea orixinal propia. Os seguintes éxitos da produtora chegaron da man de Gran Reserva e Hispania, la leyenda.

O martes 10, Teresa Fernández-Valdés abordará a negociación e financiamento en televisión e exporá casos prácticos da posta en marcha dunha empresa e de como presupostar un proxecto documental ou un proxecto para televisión. A produtora de Bambú tratará ademais os compoñentes dun equipo de produción e o plan, orde e calendario de rodaxe, así como a xustificación de gastos.

Fernández-Valdés, que pertence á promoción 2003-2004 do MPXA, comezou a súa traxectoria profesional na produtora Voz Audiovisual e desde o departamento de desenvolvemento participou en diferentes proxectos de ficción para TVG como: As leis da Celavella, A miña sogra e máis eu e A vida por diante. Máis tarde traballou como asesora da empresa Impulso TV, ao mesmo tempo que se dedicou á realización e venta de novos proxectos de ficción e á coordinación de eventos de marketing e comunicación para Continental Producciones, Voz Audiovisual e Tic Tac Producciones. Ademais, ocupou o posto de produtora executiva adxunta no Grupo Ganga para a serie Desaparecida emitida en TVE. No 2008 iniciou a súa carreira como empresaria e fundou xunto a Ramón Campos a produtora Bambú Producciones, que tamén deu vida á serie de ficción Gran Hotel. Na súa primeira tempada esta serie emitida en Antena 3 obtivo unha audiencia media de 3,3 millóns de espectadores.

A última aposta da produtora para estas Navidades foi a adaptación da serie animada Marco a imaxe real en formato de TV-movie, que na súa estrea logrou ser a emisión máis vista do prime time ao rexistrar un 17,1% de cota de pantalla.

Categoría: Noticias
Etiquetas: