CONTINENTAL E SALERO FILMS RODAN A TV-MOVIE EDUARDO BARREIROS, O HENRY FORD ESPAÑOL, QUE DIRIXE SIMÓN CASAL

4 / 11 / 2010

Desde o 18 de outubro está a rodarse a tv-movie Eduardo Barreiros, o Henry Ford español, que dirixe Simón Casal e producen Continental e Salero Films. Xira en torno ao construtor de vehículos galego que chegou a ser un dos empresarios máis importantes de Europa. A filmación está a ter lugar durante tres semanas na Coruña, Ferrol, Pontedeume e Aranga.

 

Eduardo Barreiros, o Henry Ford español, cuxo guión escribiu José Luís Acosta, narrará o fulgurante ascenso empresarial de Eduardo Barreiros, e a caída que lle postergou ao esquecemento en España. A tv-movie recollerá as diversas etapas que atravesou o empresario: desde a súa dura infancia nunha aldea de Galicia até a súa mocidade, cando lle tocou loitar na Guerra Civil, ou a época do seu triunfo, na que, a pesar das trabas do Ministerio de Industria franquista, e posteriormente dos seus socios americanos da Chrysler, levantou un imperio tras ter a xenial idea de transformar os motores dos camións de gasolina a diesel.

En 1964, foi considerado o cuarto empresario máis importante de Europa, e chegou a ter un avión privado. Con todo, na actualidade, Barreiros tan só é lembrado por aqueles que viron circular os seus camións. Dará vida ao protagonista o actor galego afincado en Madrid Manu Regueiro. Acompañaranlle no elenco Salvador do Río, María Tasende, Xullo Pereira, Manolo Só, Denís Gómez, Rebeca Montero, Tamara Canosa, Christian Escuredo ou Fede Pérez.

 Eduardo Barreiros, o Henry Ford español ten como director á nova promesa do audiovisual galego Simón Casal de Miguel, quen está arroupado por un equipo técnico galego-andaluz que inclúe a Iñigo Zubicaray como director de fotografía, Antonio Pereira como director de arte, Diego Casares no son, ou Carlos Amoedo como director de produción. A música comporaa Antonio Meliveo, e da montaxe encargarase Jesús Alonso. A tv-movie coprodúcena a empresa galega Continental Producións e a andaluza Salero Films, co apoio da Xunta de Galicia, a Televisión de Galicia (TVG), o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e a Xunta de Andalucía. Están a ultimarse as negociacións para a incorporación ao proxecto da maioría de televisións autonómicas da Forta. Pancho Casal é o produtor, e Paula Cons e Regina Alvarez, as produtoras executivas. 

Categoría: Noticias
Etiquetas: