O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA PRESENTARÁ O CATÁLOGO «SHORTS FROM GALICIA 2012» NO FESTIVAL DE CLERMONT-FERRAND

16 / 01 / 2012

A Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, asistirá ao 34º Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, o máis importante a nivel europeo no seu xénero, para participar na 27ª edición do Mercado Internacional de Curtametraxes que se organiza como parte do evento, e que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro na cidade francesa. Compartirá stand coa Agência da Curtametragem Portuguesa, co fin de dar a coñecer conxuntamente a súa produción en pequeno formato.

O Consorcio Audiovisual de Galicia aproveitará a súa presenza nol evento galo para presentar o catálogo «Shorts from Galicia 2012», unha compilación de sete curtametraxes galegas producidas nos últimos dous anos e seleccionadas coa colaboración dos tres festivais de curtas máis relevantes de Galicia (Festival de Cans, Curtocircuito e FicBueu), nos que estas obras resultaron gañadoras ou finalistas. Os traballos que compoñen o citado catálogo son Radiografía dun autor de tebeos, de Marcos Nine; Amistad, de Alejandro Marzoa; Gato encerrado, de Peque Varela; Birdboy, de Pedro Rivero e Alberto Vázquez; Estereoscopía, de Xacio Baño; Vicenta, de Sam Ortí; e ¿De qué se ríen las hienas?, de Javier Veiga. Entre todos eles acumulan un total de 86 premios e unha traxectoria de cerca de 260 seleccións en diversos certames, destacando a recente candidatura de Birdboy para os Goya deste ano na categoría de mellor curtametraxe de animación.

«Shorts from Galicia 2012» supón unha mostra representativa do traballo que se está facendo en Galicia a nivel de pequeno formato nos seus diferentes xéneros (ficción, animación e documental). Consta dun DVD coas sete producións en versión orixinal e subtítulos en inglés e castelán, así como as fichas técnico-artísticas das curtametraxes e as biofilmografías dos directores nos dous idiomas. Para a súa promoción, o catálogo distribuirase nos festivaise mercados de referencia de todo o mundo nos que participa o Consorcio, institucións involucradas na comercialización, programadores cinematográficos, así como televisións, organismos e profesionais relacionados co mundo da curta. Ademais, habilitarase uhna versión dixital na nova web do organismo que será presentada proximamente. A través desta iniciativa, a Consellería quere contribuír á difusión dun formato que, segundo di, non chega de forma sinxela ao público.

Categoría: Noticias
Etiquetas: