CONFERENCIA E PRESENTACIÓN DUN LIBRO NO COMEZO DO CURSO NA ESCOLA DE IMAXE E SON DE A CORUÑA

15 / 09 / 2014

A escola de Imaxe e Son da Coruña (a EIS) inicia as súas actividades formativas hoxe luns, 15 de setembro. Como acto de acollida aos novos alumnos, pero tamén aberto a todas aquelas persoas interesadas, ofrecerase unha clase maxistral impartida polo director de cine: Carlos Amil, que tratará sobre dos comezos da narración no cinema e o xeito como se chegou a mostrar o espazo no cine primitivo.

A EIS tamén presenta no acto unha nova publicación, o nº 11 da colección de cadernos monográficos audiovisuais denominados “cadernos da EIS”. O título deste novo libro é: “O nacemento do espazo cinematográfico”, e o seu autor é Carlos Amil.

A conferencia será ás 13:00h, con entrada libre e de balde, no cinema Someso, na Escola de Imaxe e Son, Someso 6, A Coruña.

A Escola de Imaxe e Son da Coruña contou para este novo curso que empeza hoxe, con unha elevada demanda de solicitudes de matriculación, o que provoca que haxa listaxes de espera na procura dunha praza, xa que chegaron a ser derredor de 2000 instancias as que solicitaban cursar algunhas das cinco especialidades do audiovisual que se imparten neste prestixioso centro coruñés.

As especialidades que se imparten na EIS son: Ciclo superior de Realización de audiovisuais e espectáculos, Ciclo superior de Son para audiovisuais e espectáculos, Ciclo superior de Iluminación, captación e tratamento da imaxe, CS de Produción de audiovisuais e espectáculos e o ciclo superior de Animación 3d, xogos e contornos interactivos.

A Escola de Imaxe e son é un centro público que oferta estudios oficiais en réxime ordinario (horario de mañás), réxime modular (horario vespertino) e tamén en modalidade a distancia.

Categoría: Noticias
Etiquetas: