COMEZA ESTE SÁBADO “XENTE CON XENTE” UN PROGRAMA QUE VISITA AS VILAS E ALDEAS GALEGAS DUN XEITO ORIXINAL E NOVEDOSO

19 / 10 / 2011

Tres parroquias galegas e tres modos de vida moi diferentes. Nalgunhas ocasións os une a paixón polo fútbol, noutras a lonxevidade dos seus veciños, a vida entorno a unha fábrica, ou o seu especial modo de facer o pan. En “Xente con xente” coñecen estes tres lugares da man dos seus veciños e ademais de demostrar as súas similitudes descubren que os diferenza. Conflitos, relacións persoais e bo humor onde o importante é coñecer á nosa xente e a nosa xeografía. Da man dos reporteiros Matías Tarrío e Inma Morandeira, dirixidos por Paula Cons, emprendemos cada semana unha viaxe con tres paradas e moitas sorpresas. Porque non hai nada como coñecer aos que nos rodean, “Xente con xente”.

Nun dos programas visitan algúns dos recunchos cunha maior esperanza de vida de Galicia para coñecer os seu secreto, diferente en cada un dos casos. Noutro aprenderemos tres xeitos ben diferentes de facer e vivir o pan. Os hórreos e as súas vilas serán os protagonistas doutro dos programas, para amosar cantas historias se agochan detrás destas construcións, que distinta pode ser a súa historia e os seus donos.

Serpes, covas segredas, santos aparecidos…En Santo Andrés de Teixido, Friol e Lestedo escóitanse unha morea de historias máxicas en torno ás cales se move o día a día dos seus veciños.

A onde pertencemos? Esta é unha pregunta que se fan moi a miúdo os habitantes de Bruma, da Barciela e dos Peares porque os seus lindes non están moi definidos.

Todos sabemos da importancia que ten o polbo en Galicia pero para Malpica, Mugardos e Arcos (O Carballiño) converteuse en toda unha forma de vida.

Así ata trece programas nos que o motivo de unión entre os tres lugares é tan só unha escusa para coñecer a súa vida e sobre todo para atopar aos personaxes máis curiosos e interesantes.

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: