O CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO ASISTE AO CARTOON MOVIE DE LYON CUNHA DELEGACIÓN DE TRES EMPRESAS GALEGAS

21 / 02 / 2012

As empresas Abano Producións, Ficción Producciones e Perro Verde Films conforman a delegación do CLAG que viaxará a Lyon (Francia) para participar na 14ª edición de Cartoon Movie, o foro europeo de coprodución de longametraxes de animación que se celebrará do 7 ao 9 de marzo.

As empresas que integran a delegación do Clúster Audiovisual Galego presentarán os seus traballos en Cartoon Movie en busca de diferentes obxectivos. En concreto, Perro Verde Films acudirá con Arrugas, película que foi seleccionada para abrir a presente edición do foro de coprodución e de negocios europeo o 7 de marzo. Producida por dita empresa galega xunto a Cromosoma e Elephant in the Black Box, esta tenra e emotiva mirada á vellez reflexa unha das actuais tendencias da animación europea, onde o cine de animación dirixido ao púbrico adulto continúa gañando terreo. Estreada comercialmente en España a finais de xaneiro, a cinta foi dirixida por Ignacio Ferreras. Arrugas acaba de ser galardonada con dous Premios Goya á mellor película de animación e ao mellor guión adaptado. Tamén foi nominada aos Annie Awards como mellor película de animación, e preseleccionada aos Oscar na mesma categoría, aínda que non pasou o corte final. Pola súa banda, Abano Producións asiste ao Cartoon Movie coa película La Tropa de Trapo en la selva del Arcoiris, na que un grupo de pequenas mascotas sente a necesidade de axudar a outros animais con moitas dificultades para sobrevivir, polo que decide sair nunha misión solidaria que os levará ata o Val do Arco da Vella. Terán que facer acopio do seu inxeño, coñecemento e traballo en equipo para salvar a un Arco da Vella, que é o símbolo de non ter que facerse nunca maior.

Por último, Ficción Producciones presentará no Cartoon Movie 2012, Tutu!, proxecto transmedia preescolar baseado nun concepto de entretemento educativo, que engloba diversas liñas de produto (serie de animación para televisión, web, apps e videoxogos, liña editorial e merchandising), e Meñique, longametraxe de animación que adapta libremente o cuento Pulgarcito, actualmente en preprodución. 

O evento internacional Cartoon Movie 2012, que organiza a Asociación Europea de Cine de Animación Cartoon, é un foro no que, durante tres días intensos, os produtores europeos teñen unha oportunidade para promover os seus proxectos de longametraxes de animación co fin de negociar a financiación, buscar socios e distribuidores de interese. Na próxima edición do Cartoon Movie participarán máis de 700 profesionais de 35 países, incluindo 210 compradores e 90 distribuidores, e presentaranse 50 proxectos encadrados en catro categorías diferentes (concepto, desenvolvemento, produción e películas concluidas), cinco de eles con participación española. Entre as novidades da próxima edición figura Cartoon Games one-to-one, iniciativa que se desenvolverá entre a industria da animación e as compañías de videoxogos a tarde do mércores 7 de marzo. A presenza en Cartoon Movie permitirá ás empresas do audiovisual galego estar ao tanto de todo o que está sucedendo en torno ao cine de animación en Europa.

 

 

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: