O Clúster Audiovisual Galego (Clag) celebrará o vindeiro 27 de marzo, en Santiago, a sesión formativa “O Audiovisual na Nube”, na que se fará unha introdución ao cloud e se amosarán as  vantaxes deste servizo para as pequenas e medianas empresas (pemes) do sector audiovisual. O prazo para inscribirse neste curso está aberto ata o día 26 de marzo.

O cloud computing supuxo unha verdadeira revolución na xestión empresarial. Na actualidade existen un número elevado de servizos que melloran a xestión das empresas facéndoas máis produtivas e permitindo dedicar os esforzos en tempo e investimento a outra áreas do negocio.

A través desta acción formativa, o Clag pretende introducir ás pemes do sector audiovisual o concepto do cloud (nube) e coñecer se esta industria está adaptando os seus procesos a esta nova realidade. Así mesmo, abordaranse os retos aos que se enfronta a industria do cloud para adaptarse ás necesidades do audiovisual.

Programa da sesión

A apertura do curso “O Audiovisual na Nube”, que se celebrará no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en Santiago de Compostela, correrá a cargo da xefa do Servizo de Innovación e Novas Canles de CRTVG e vogal da Área de I+D+i do Clúster Audiovisual Galego, Esther Medina. A continuación terá lugar unha presentación das “Tendencias de outsourcing na infraestrutura tecnolóxica” realizada polo director xeral do Grupo Arcade Inforhouse, Vidal Díaz.

Durante o transcurso da mañán tamén se impartirán dous obradoiros, un a cargo de persoal de Arcade Inforhouse sobre “Virtualización de escritorio e mobilidade”, nol que se abordará a xestión de contornas de escritorio e móbiles, e que inclúe un caso práctico con estacións de traballo remotas en PC e móbil. O segundo obradoiro será impartido polo administrador de sistemas do CESGA, Carlos Fernández, quen presentará as infraestruturas e servizos para cloud computing do seu centro, e presentará varios casos de éxito e experiencias da súa utilización.

O curso finalizará cunha sesión titulada “Produción Audiovisual na Nube”, a cargo do CTO e do responsable de Sistemas de Unitecnic na oficina de Madrid, Juan David Vivas e Iván Tobares, respectivamente, que exporán as posibilidades que ofrece a redacción na nube, entre outros aspectos de interese para as pemes do sector audiovisual.

Esta acción formativa está organizada polo Clag, en colaboración co CESGA, e cofinanciada polo Igape e a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través da liña de “Axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clusters) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013″.

Para asistir ao curso é necesario enviar cuberto o formulario de inscrición que poderá encontrase na web do Clag (www.clag.es) antes do día 26 de marzo. A inscrición é de balde ata completar o aforo da sala.