O Clúster Audiovisual Galego (Clag) celebrou na tarde de onte, xoves, a súa Asemblea Xeral Ordinaria, correspondente ao exercicio de 2013, na sede do clúster en Santiago de Compostela. Nesta asemblea estiveron representados a maioría de socios que integran o clúster.

Durante a Asemblea os socios aprobaron por unanimidade as contas do exercicio pasado, así coma o orzamento para este 2013, tamén co voto unánime dos asociados. Ámbolos dous informes económicos foron presentados pola tesoureira do Clag, María Arochena. Ademais na

Asemblea Xeral Ordinaria os asociados ratificaron a incorporación de novas compañías ao Clag.

Pola súa parte, a xerente do Clag, Mar Varela, deu conta das actuacións levadas a cabo polo Clúster durante o pasado exercicio e no primeiro semestre deste ano nas distintas áreas estratéxicas de actuación: innovación e desenvolvemento tecnolóxico, internacionalización e promoción, dinamización sectorial e difusión, e formación.

Tamén avanzou as iniciativas que abordará o Clúster nos vindeiros seis meses, entre as que salientou distintas actuacións no ámbito da internacionalización, como a asistencia a mercados sectoriais e a organización de misións inversas con outros países para detectar oportunidades de negocio para o audiovisual galego, ou a celebración de xornadas e coloquios de interese para o sector audiovisual.

O presidente do Clag, Andrés Barbé, explicoulles aos socios as boas relacións do Clúster con outros organismos e asociacións de interese para o audiovisual, tanto a nivel nacional coma internacional, cos que se está traballando conxuntamente no desenvolvemento de novos proxectos.

Neste sentido, Barbé tamén salientou a boa sintonía que existe co resto de clusters galegos, e asegurou que esta excelente relación interclusters está permitindo xerar oportunidades de negocio para as empresas socias do Clag. O produtor subliñou que na actividade institucional desenvolta pola Xunta Directiva do Clag durante o primeiro semestre do ano, detectouse unha aposta decidida por parte da Administración autonómica polo papel dos clusters coma dinamizadores da competitividade do tecido industrial galego, o que permitirá abordar novos proxectos nos vindeiros meses.