O Festival de Cine Euroárabe Amal que se celebra estes días en Santiago de Compostela recibirá cineastas e profesionais do audiovisual procedentes de varios países, en especial do mundo árabe.

Entre o 15 e o 20 de outubro, datas nas que se desenvolve o Festival Amal, pasarán pola cidade de Santiago directores, actores, produtores dos films que entran a concurso, así como os membros do xurado de Amal, que este ano está composto por seis profesionais do audiovisual.

Virán a Santiago todos os membros do xurado composto pola actriz francesa de orixe marroquí Sanaa Alaoui; o prestixioso investigador e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria IECAH, Jesús Núñez Villaverde; Afonso Pato, filólogo e guionista impulsor do Festival de Cans; Tahar Houchi, Director do Festival de Cine Oriental de Xenebra; Khaled El Hagar, Director de cine exipcio e María Mera, actriz galega.

Ademais, recibiremos ao director exipcio Mohamed El Wassify, de “Living the Nile”; Nujoom Alghanem, directora do documental Hamama, procedente de Dubai. Asistirán dous directores de Bélxica, Nael Khleifi, que dirixe o mediometraje “En Attente” e Matyas Veres, membro do equipo de posproducción do longo documental “Le thè ou l`electricité”. Vanessa Rousselot, directora francesa da película sobre o humor palestino “Bromas aparte” tamén estará en Santiago para charlar cos espectadores acerca da súa película e Samir Siryani virá do Líbano para mostrarnos o seu curto de ficción “To Baalbek”.

Todos os espectadores de Amal poderán charlar cos directores logo de cada proxección. Ademais, poderán manter coloquios con aqueles que non estean presentes en Santiago a través de vídeo chamadas.

INFORMACIÓN DIARIA A TRAVÉS DO XORNAL “AMAL NEWS”

O Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal edita por segundo ano un xornal diario con información de última hora do festival. “Amal News” distribúese a través da web, as redes sociais e fisicamente. O equipo do festival encargarase de distribuír 1.000 exemplares por toda a cidade.