O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta durante esta semana o ciclo Girls on fire, un ciclo formado por películas dirixidas e protagonizadas por mulleres, inéditas nas salas comerciais españolas destinadas a se converter en obras de culto. En colaboración co REC. Festival Internacional de Cine de Tarragona, o ciclo comeza hoxe martes día 21 de maio (18.00 e 20.30 horas) coa proxección de Tiny Furniture (2010) de Lena Dunham.

Girls On Fire son películas filmadas por directoras mozas que captan o sentir dunha xeración e superan as fronteiras do cine de xénero. Achegan a súa ollada persoal, feminina, que se traduce nunha realización atrevida, vibrante, intrépida, para atrapar unha voluble e complexa temática de rabiosa actualidade. Unha realidade que pon de acordo creadoras das orixes máis dispares, que cos seus diferentes estilos amosan unha comuñón de ideas sorprendente. Trátase tamén de tres películas dirixidas e protagonizadas por mulleres, inéditas nas salas comerciais españolas e que están destinadas a se converter en obras de culto. Pódese dicir que Tiny Furniture (2010), a segunda longametraxe de Lena Dunham e a que a catapultou á HBO e á fama con Girls (2012-2013), xa o foi desde a súa mesma presentación no prestigioso festival South By Southwest de Austin (SXSW), berce da nova comedia norteamericana. Klip (2012) alzouse cun dos Tigres do Festival de Rotterdam e confirmou o talento de Maja Miloš na súa película de estrea en que se nos revelou unha moi moza e volcánica Isidora Simijonovic a explorar os fantasmas e mais inseguridades da adolescencia. Finalmente, Joven y alocada (2012), vista en Sundance, San Sebastián ou Bafici, onde levou un dos seus premios, é unha perfecta representante da frescura e falta de prexuízos do novo cine chileno, unha película sobre blogues asinada por outra debutante, Marialy Rivas.

 

Martes día 21 de maio (18.00 e 20.30 horas)

TINY FURNITURE

(Estados Unidos, 2010)

Dirección e guión: Lena Dunham. Produción: Tiny Ponies. Fotografía: Jody Lee Lipes. Intérpretes: Lena Dunham, Laurie Simmons. Duración: 98 minutos.

Aura ten 22 anos e regresa á casa de súa nai, artista en Nova York, cun inútil título universitario en Teoría do cine. Aura logo comeza a se mover na súa vella/nova vida cun traballo como anfitrioa que semella sen futuro. Alterna patéticas mostras de arte en Brooklyn con actividades como beber todo o viño que hai nos gabinetes meticulosamente organizados de súa nai ou ben competir coa súa prodixiosa irmá menor. Rodeada por todas partes maquilo no que se podería converter, Aura só quere que alguén lle diga quen é ela. Filme con fortes doses autobiográficas escrito, dirixido e protagonizado por Lena Dunham.

 

Mércores día 22 de maio (20.30 horas)

JOVEN Y ALOCADA  

(Chile, 2012)

Dirección: Marialy Rivas. Guión: Marialy Rivas, Camila Gutiérrez, Pedro Peirano, Sebastián Sepúlveda e María José Viera Gallo. Produción: Fabula. Fotografía: Sergio Armstrong. Intérpretes: Alicia Rodríguez, María Gracia Omegna. Duración: 92 minutos.

Daniela é unha moza de 18 anos criada nunha familia evanxélica. Dividida entre a culpa e a súa innata rebeldía, vive unha traumática noite de excesos. Daniela ten un blogue e convértese nun referente para adolescentes. Tal e como di o crítico e programador arxentino Javier Porta Fouz, “unha película colaxe, narrativa en forma de diario sempre íntimo, coas intermitencias e os altibaixos adolescentes”. Ópera prima chilena dirixida por Marialy Rivas está chea de vivacidade, diversión e frescura. Participa na Berlinale, no Bafici e obtén o premio ao mellor guión en Sundance.

 

Xoves día 23 de maio (20.30 horas)

KLIP  

(Serbia, 2012)

Dirección e guión: Maja Milos. Produción: Film House Bas Celik. Fotografía: Vladimir Simic. Intérpretes: Isidora Simijonovic, Vukasin Jasnic. Duración: 100 minutos. 

Jasna é unha moza adolescente que vive nunha vila serbia. Cun pai terminal e unha nai depresiva, Jasna vive irada co mundo ata que namora dun compañeiro de clase e recibe como agasallo un móbil con cámara. A rebelión xorda, a actitude salvaxe, a procura da identidade e as festas sen fin acentúan a fenda coa xeración que viviu a guerra civil iugoslava. Premiada en Rotterdam.