CICLO DE CINEMA NO CGAI ADICADO A EUGÈNE GREEN

29 / 11 / 2010

Eugène Green (Nova York, 1947) é un dos tesouros ocultos do cine francés. Dramaturgo e novelista, Green é un cineasta tardío, pois dirixiu a súa primeira longametraxe, Toutes les nuits, en 2001. Desde entón rodou outras tres longametraxes e varias curtas ou mediametraxes, todas poderán verse no ciclo que agora lle dedica o CGAI en colaboración co Festival de Cine de Gijón. Moi influído pola súa formación teatral, pero tamén polo cine dun Robert Bresson Lancelot du Lac) ou o Eric Rohmer das súas películas de época (La Marquesa de O, Perceval el Galés, El romance de Astrea y Celadón), o cine de Eugène Green non parece gardar relación co resto dos seus contemporáneos.

Retranqueiro, o seu cine bebe nas fontes da literatura e proponnos divertidos trampantollos e anacronismos, ben sexa a costa do espírito do 68 (Toutes les nuits), as fábulas medievais (Le monde vivant), a intelectualidade francesa (Le Pont des Arts) ou un Portugal que parece acabado de saír dunha película de Manoel de Oliveira (A religiosa portuguesa). Pese a todo, a súa vocación de outsider afastouno dos circuítos normalizados de  difusión. Non fai falta dicir que en España non se estreou ningunha das súas películas e non foi ata hai ben pouco que se comezaron a difundir no circuíto de  festivais. Presentada en Xixón en 2009 e logo en Cineuropa (Santiago de Compostela), A religiosa portuguesa acaba de alzarse co Gran Premio Calpurnia á Mellor Longametraxe no último Festival Internacional de Cine de Ourense.

En colaboración con: 48 FICXixón, IVAC-La Filmoteca (Valencia).
 
30 de novembro (18 e 21 horas):
TOUTES LES NUITS  
(Francia, 1999-2001)
Dirección e guión: Eugène Green, sobre o relato de Flaubert La educación sentimental. Produción: Ellabel Productions. Fotografía: Raphaël O´Byrne. Intérpretes: Alexis Loret, Adrien Michaux. Duración: 112 minutos. Con máis de 50 anos Eugène Green dirixe a súa primeira película. Preto de Bresson e de Oliveira, unha adaptación que actualiza a novela de Gustave Flaubert La educación sentimental. Doce anos, desde os meses previos ao maio do 68 francés, na vida dos tres  protagonistas: Henri, enviado a París para estudar; Jules, que escribe unha obra en verso; Emilie, a muller do titor de Henri. Estilizada, asume o legado e os compoñentes literarios que definen as opcións narrativas e estéticas posteriores (e constantes) de Green.
 
1 de decembro (18 e 21 horas):
LE MONDE VIVANT   
(Francia-Bélxica, 2003)
Dirección e guión: Eugène Green. Produción: AB3, Les Films du Fleuve e MACT Productions. Fotografía: Raphaël O¹Byrne. Intérpretes: Christelle Prot, Alexis Loret, Adrien Michaux. Duración: 70 minutos. Unha historia de resurrección, maxia e castelos que homenaxea con moito humor ao Bresson de Lancelot du Lac (1974). Música barroca, coidado extremo nos diálogos e atmosfera conseguida no relato dun ogro que rexeita a súa esposa pola comida vexetariana que lle fai ao tempo que se dispón a casar cunha doncela que ten custodiada nunha capela. Dous cabaleiros ¬en camisa e pantalón vaqueiro- van combater co monstro. Presentada na Quincena de Realizadores de Cannes 2003, obtén os premios FIPRESCI en Londres e o Gran Premio do IndieLisboa 2004.
 
2 de decembro (18 e 21 horas):
LE PONT DES ARTS  
(Francia, 2004)
Dirección e guión: Eugène Green. Produción: MACT Productions. Fotografía: Raphaël O´Byrne. Intérpretes: Adrien Michaux, Natacha Régnier. Duración: 126 minutos. Pascal, mozo de Christine, entra nunha crise existencial que o leva ao intento de suicidio, cando decide abandonar a súa tese doutoral ³Materialismo transcendente na obra de André Breton². Green, entre outras cousas fundador en 1977 do Théâtre de la Sapience, mestura con refinamento e fascinación música, literatura, filosofía e reflexión estética en xeral enlazando clasicismo e modernidade e amosando o radical e novidoso da súa figura no cine contemporáneo, con outro filme de particular oralidade e hipnóticas interpretacións. Participante no Festival de Locarno.
 
3 de decembro (18 e 21 horas):

LE NOM DU FEU
(Francia, 2002)
Dirección e guión: Eugéne Green. Produción: Le Fresnoy, Lês Films á un dollar. Fotografía: Raphaël O¹Byrne. Intérpretes: Alexis Loret, Christelle Prot. Duración: 20 minutos. Preludio inmediato da longametraxe Le monde vivant. Un mozo dille a unha doutora que é un home lobo e invítaa a asistir á súa transformación. De novo
a palabra como sustento ou núcleo da humanidade. Presentada en Locarno 2002.

LES SIGNES    
(Francia, 2006)
Dirección e guión: Eugène Green. Produción: No Film. Fotografía: Raphaël O¹Byrne. Intérpretes: Christelle Prot, Mathieu Amalric. Duración: 33 minutos. Selección Oficial en Cannes 2006. Nun espazo portuario, unha muller nova vive cos seus dous fillos. Dez anos atrás, a muller, embarazada, sufriu a desaparición do marido. Esencialidade, minimalismo, espiritualidade, misterio, varios dos termos clave da obra de Green nunha curta esencial para comprender o seu universo creativo.
 
CORRESPONDANCES   
(Francia-Corea do Sur, 2007)
Dirección e guión: Eugène Green. Produción: Jeonju International Film Festival e MACT Productions. Fotografía: Raphaël O¹Byrne. Intérpretes: François Rivière, Delphine Hecquet. Duración: 39 minutos. Premio especial do xurado en Locarno 2007, pertencente ao tríptico ou filme colectivo Memoires, proxecto promovido polo Festival surcoreano de Jeonju e codirixido por Pedro Costa e Harun Farocki. Virgile, dezasete anos, contacta por correo electrónico con Blanche. Establécese unha correspondencia pola que Green filtra de xeito maxistral moitas das súas preocupacións habituais, como a comunicación e o amor transcendente.

26 de novembro (18 e 21 horas):
LA RELIGIEUSE PORTUGAISE /  A RELIXIOSA PORTUGUESA
(Portugal, 2009)
Dirección e guión: Eugène Green. Produción: O Som e a Fúria. Fotografía: Raphaël O´Byrne. Intérpretes: Leonor Baldaque, Ana Moreira, Adrien Michaux. Duración: 127 minutos. Julie de Hauranne, unha actriz francesa de nai portuguesa, vai a Lisboa por vez primeira actuar nunha película inspirada polas Cartas dunha monxa portuguesa de Guilleragues. Pronto queda fascinada cunha monxa que vai rezar cada noite á Capela de Nossa Senhora do Monte no outeiro de Graça. Unha noite, tras falar coa monxa, intúe o seu destino e o sentido da súa vida. Chea de fino humor, obtivo o premio principal no Festival de Ourense logo do seu paso por certames como Locarno e Xixón.

Categoría: Noticias
Etiquetas: