CICLO DAN SALLITT NO CGAI

2 / 12 / 2013

Mañá martes, día 3 de decembro comeza no Centro Galega de Artes da Imaxe un ciclo adicado ao director Dan Sallitt. Normal 0 21 false false false MicrosoftInternetExplorer4 Unha ocasión única: descubrirmos dunha vez a obra completa dun dos segredos mellor gardados do cine independente norteamericano, Dan Sallitt (1955). Antigo crítico de cine en Los Angeles Reader, Sallitt dirixiu ata o momento tres longametraxes “profesionais”: Honeymoon (1998), All The Ships at Sea (2004) e The Unspeakable Act (2012), todas elas moi influídas polo cine europeo, desde Ingmar Bergman a Eric Rohmer, a quen está dedicada a súa, polo momento, última longametraxe. Nunha recente recensión para o Village Voice con motivo da presentación das súas películas no Anthology Film Archives de Nova York, o crítico Scott Foundas cualificaba a Sallitt como “o mestre modesto” e esas dúas palabras, mestría e modestia, son sen lugar a dúbidas as que mellor definen o seu cine: por exemplo, en The Unspeakable Act é capaz de tratar un tema tan delicado como altamente perigoso, o incesto, sen asomo ningún de escabrosidade, sen ánimo ningún de escándalo, ao contrario, con tanta sensibilidade como atención ás emocións dunha das mellores personaxes que nos ofreceu recentemente o cine americano (reparen na súa protagonista, Tallie Medel).


Martes 3 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
THE UNSPEAKABLE ACT
(Estados Unidos, 2012)
Dirección e guión: Dan Sallitt. Produción: Static Prods. Fotografía: Duraid Munajin. Intérpretes: Tallie Medel, Sky Hirschkron. Duración: 91 minutos.  
Jackie Kimball é unha adolescente que leva toda a vida namorada de seu irmán, un ano máis vello. O crítico de cine e cineasta Dan Sallitt (1955) filma con lucidez e sensibilidade, con máis atención ao emotivo, ao familiar da trama e á súa construción narrativa, á propia expresión persoal, en definitiva, que aos aspectos escabrosos que poden apoderarse dun tema como o do incesto.

Mércores 11 de decembro (18.00 horas)
HONEYMOON
(Estados Unidos, 1998)
Dirección e guión: Dan Sallitt. Produción: Static Prods. Fotografía: David S. Park. Intérpretes: Edith Meeks, Dylan McCormick. Duración: 90 minutos.  
Na cidade de Nova York, un par de mozos na trintena, Mimi e Michael, casan logo de anos de amizade e sen teren relacións sexuais. Na lúa de mel xurdirán conflitos que resolver.   

Mércores 11 de decembro (20.30 horas)
ALL THE SHIPS AT SEA
(Estados Unidos, 2004)
Dirección e guión: Dan Sallitt. Produción: Static Prods. Fotografía: Duraid Munajim. Intérpretes: Strawn Bovee, Gary Bryden. Duración: 64 minutos.  
Unha profesora de Teoloxía católica, Evelyn, volve atoparse coa súa irmá, Virginia, que regresa á casa cunha depresión. A educación represiva na infancia e os diferentes xeitos de vivir retratan o devir desta relación, localizada no nordeste de Pennsylvania.

Categoría: Noticias
Etiquetas: