O Centro Galego de Artes da Imaxe organiza durante ésta semana un ciclo dedicado á relación da actriz estadounidense Ava Gardner (1922-1990) con España como resultado da presentación da película de Isaki Lacuesta LA NOCHE QUE NO ACABA (2010). O ciclo comprende 4 títulos, proxectados os días 9,10 e 11 de marzo.

LA NOCHE QUE NO ACABA: AVA GARDNER E ESPAÑA
A enorme capacidade de traballo de Isaki Lacuesta (Xirona, 1975), autor de La leyenda del tiempo (2006) e Los condenados (2009), deu lugar na última edición do Festival de San Sebastián -mentres estaba a preparar dúas películas sobre Miquel Barceló- á presentación en Zabaltegui da súa cuarta longametraxe, unha aproximación a un personaxe cinematográfico tan célebre e inesquecible como a actriz estadounidense Ava Gardner (1922-1990). Partindo do inicio da súa relación con España, onde viviu doce anos, a partir da súa estadía na Costa Brava en 1950, con motivo da rodaxe de Pandora y el holandés errante (1951) de Albert Lewin, un título que, como dicía o máis talentoso dos biógrafos da actriz, Lee Server, fundía as tendencias persoais do seu singular e audaz autor, “a mitoloxía, a maxia, a beleza, a obsesión sexual, a decadencia, a natureza da arte, a crueldade do amor…”, Lacuesta traza unha peza na que o uso da montaxe paralela e a metraxe atopada axuda a crear non só unha estimulante polifonía en torno á construción do mito Gardner senón tamén unha indagación sobre os nexos da estrela co país, acrecentados por títulos posteriores filmados, ambientados ou ben gravitando en torno a certa concepción cultural e determinadas tradicións e perspectivas alleas sobre España. Aproveitamos a estrea da Lacuesta para ofrecer algúns destes traballos, todos protagonizados por Ava Gardner.           

Mércores 9 de marzo (20.45 horas) e xoves 10 de marzo (18.00 horas)
LA NOCHE QUE NO ACABA
   
(España, 2010)
Dirección: Isaki Lacuesta. Guión: Isa Campo e Isaki Lacuesta, sobre o libro de Marcos Ordóñez Beberse la vida: Ava Gardner en España. Produción: TCM. Fotografía: Diego Dussuel. Intérpretes: Lucía Bosé, Paco Miranda. Duración: 80 minutos.
Como moitos actores, Ava Gardner odiaba ver as súas películas. Dicía que a muller da pantalla non era ela. Pero todas as películas contan dous relatos: o argumento e a historia dos corpos filmados. Esta película relata o que sucedeu entre dúas imaxes: un primeiro plano de Pandora y el holandés errante (1951) e outro do telefilme Harén (1986), o primeiro e o último que Ava Gardner rodou en España. Seguramente, Gardner pensaría que ningunha desas mulleres se parecía en nada a ela. Co engadido das voces de Charo López e Ariadna Gil, un traballo de metraxe atopada do prolífico Isaki Lacuesta.     
 
Mércores 9 de marzo (18.00 horas) e xoves 10 de marzo (20.45 horas)
PANDORA AND THE FLYING DUTCHMAN / PANDORA Y EL HOLANDÉS ERRANTE
  
(Reino Unido, 1951)
Dirección e guión: Albert Lewin. Produción: Dorkay Productions e Romulus Films. Fotografía: Jack Cardiff. Intérpretes: James Mason, Ava Gardner. Duración: 122 minutos.
A historia de Pandora Reynolds, unha muller norteamericana que vive en Esperanza, unha vila da costa mediterránea española. Aburrida e destrutiva, centro de atención dun grupo de exiliados británicos, encapríchase de David, un piloto de carreiras, mentres o engana con Montalvo, un violento matador de touros. A chegada dun barco co misterioso Hendrick Van der Zee esperta a curiosidade de Pandora, que ve ao visitante rematar un retrato da mítica Pandora, a primeira muller mortal. Amor tolo, surrealismo, elementos mitolóxicos, excelente parella protagonista para unha orixinal e romántica narración a cargo do autor d’El retrato de Dorian Gray (1945).  
 
Venres 11 de marzo (18.00 horas)
THE ANGEL WORE RED / EL ÁNGEL VESTIDO DE ROJO    
(Italia-Estados Unidos, 1960)
Dirección: Nunnally Johnson. Guión: Nunnally Johnson e Giorgio Prosperi, sobre a novela de Bruce Marshall The fair bride. Produción: Titanus, MGM e Spectator. Fotografía: Giuseppe Rotunno. Intérpretes: Ava Gardner, Dirk Bogarde, Joseph Cotten. Duración: 95 minutos.
Un sacerdote progresista e desenganado, Arturo Carrera, perde a fe un día antes de comezar a  guerra civil española, frustrado pola postura da Igrexa ante os conflitos sociais existentes. As tropas republicanas van tamén na súa procura, mentres el namora dunha fermosa muller, a prostituta Soledad (Ava Gardner, non moito despois de interpretar a duquesa de Alba en La maja desnuda). Filmada en Italia logo da negativa das autoridades españolas, un melodrama cun excelente elenco de actores, que inclúe a Vittorio de Sica e Aldo Fabrizi.
 
Venres 11 de marzo (20.45 horas)
THE BAREFOOT CONTESSA / LA CONDESA DESCALZA    
(Estados Unidos-Italia, 1954)
Dirección e guión: Joseph Leo Mankiewicz. Produción: Figaro e Transoceanic Film. Fotografía: Jack Cardiff. Intérpretes: Humphrey Bogart, Ava Gardner, Edmond O’Brien. Duración: 128 minutos.
A traxectoria da actriz española María Vargas, desde os seus comezos como bailarina nun local nocturno ata á ascensión ao estrelato cinematográfico e á alta sociedade europea contada a través das persoas importantes da súa vida. O astuto Mankiewicz incorpora –como en Carta a tres esposas ou Eva al desnudo- o mutiperspectivismo e os flashbacks que describen a vida da protagonista. Ava Gardner de novo interpreta un personaxe que parece próximo á súa vida. Óscar ao mellor secundario para Edmond O’Brien. “O máis claro do filme de Mankiewicz é o anatema lanzado contra Hollywood e a súa fauna, contra a ociosidade e a súa fauna, contra a Riviera e a súa fauna, e non, como nos seus filmes precedentes baixo a perspectiva da sátira indulxente senón cun odio declarado á vulgaridade” (François Truffaut, Les films de ma vie, 1975).