O CGAI PROGRAMA UN CICLO SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO

24 / 11 / 2011

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, unha condena e acción contra todo atentado cara a dignidade, integridade e liberdade das mulleres. Motivado por esta efeméride e en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, plantéxase un ciclo que amosa e exemplifica con respecto o dramatismo de tantas situacións de violencia que, por razóns de xénero, sofren as mulleres en todo o mundo. Ben axustado ás pautas da programación do CGAI, seleccionamos catro películas –proxectadas entre os días 22 e 25 de novembro- onde a calidade estética, formal e narrativa rixe e amplifica as acuciantes cuestións temáticas. As pegadas dunha tradición, a do cine social británico máis sutil vertebran o relato Tyrannosaur (2011) de Paddy Considine, unha estrea -logo do seu paso por certames como Sundance e San Sebastián- entre nós. Un dos grandes da historia do cine documental, modélico e coherente en toda a súa produción, Frederick Wiseman (Boston, 1930) disecciona na súa obra practicamente todos os estamentos da sociedade axudando a artellar un retrato multifacético, poliédrico e complexo da sociedade actual. Filmando abundante material e seleccionando cal filme de ficción a metraxe, Wiseman é autor de filmes maxistrais e tan loubados como Titicut Follies (1967), High School (1968) ou La Danse (2009). Wiseman aporta no díptico Domestic Violence unha perspectiva analítica e minuciosa do maltrato. A primeira parte recolle a acción policial, os grupos de terapia, as actividades educativas e os centros de prevención. A segunda céntrase no rexistro penal. Ambas transcorren en localidades de Tampa (Florida). Por último, as consecuencias da guerra en Iugoslavia, as multiples traxedias invisibles derivadas dunha guerra cruel na que, como en todas as guerras, as mulleres son vítimas invisibles, atrapan ao espectador de Grbavica (2006) de Jasmila Sbanic, proxección que, a modo de colofón, irá precedida dunha mesa redonda (“O cine, unha mirada cómplice na violencia contra as mulleres?”) con intervencións de especialistas de ambos ámbitos, o cine e a violencia de xénero, en concreto a ensaísta e crítico de cine Pilar Aguilar e a responsable de CIMA Galicia Chelo Loureiro.


A entrada a todas as sesións é gratuíta.

Xoves 24 de novembro (20.00 horas)    
DOMESTIC VIOLENCE 2    
(Estados Unidos, 2002)
Dirección: Frederick Wiseman. Produción: Zipporah Films. Fotografía: John Davey. Duración: 160 minutos.  
Na liña de títulos como Juvenil Court (1973) ou Law & Order (1969), o documentalista Frederick Wiseman aproxima a súa cámara aos xulgados, en concreto ás cortes do condado de Hillsborough, en Tampa (Florida). O tratamento legal dos casos de maltrato (réxime de visitas, ordes restritivas, pensións, xuízos varios,…) retratado con absoluta intensidade contribuindo a completar un díptico asombroso.     

Venres 25 de novembro (18.00 horas)    
Mesa redonda “O cine, unha mirada cómplice na violencia contra as mulleres?”, coa intervención da ensaísta e crítico de cine Pilar Aguilar e a responsable de CIMA Galicia Chelo Loureiro.

Venres 25 de novembro (20.45 horas)    
GRBAVICA / GRBAVICA. EL SECRETO DE ESMA    
(Alemaña-Austria-Bosnia-Croacia, 2006)
Dirección e guión: Jasmila Sbanic. Produción: Coop 99, Deblokada, Norifilm Filmproduktion, Jadran Film coa cooperación de ARTE e ZDF. Fotografía: Christine A. Meier. Intérpretes: Mirjana Karanovic, Luna Mijovic, Leon Lucev. Duración: 101 minutos.  
Tempo despois da Guerra da Iugoslavia. Esma vive coa súa filla Sara no barrio de Grbavica (Sarajevo). Organízase unha viaxe no colexio e Esma quere que a súa filla Sara, de doce anos, participe. Sara precisa presentar un certificado que acredite que o seu pai morreu como un mártir na guerra para conseguir un desconto. A situación económica de Esma fai que traballe polas noites de camareira nunha discoteca. Sara quere saber as circunstancias da morte do seu pai e mesmo sofre as burlas dos compañeiros. Esma, perseguida polos violentos acontecementos do seu pasado, asiste a unha terapia de grupo no Centro de Mulleres do barrio. Que feitos terribles garda na súa memoria? Gañadora en Berlín 2006 e participante en Sundance.

Categoría: Noticias
Etiquetas: