O Centro Galego de Artes da Imaxe organiza mañá xoves día 6 de outubro (20.00 horas) unha nova sesión dedicada ao cineasta experimental estadounidense Bill Morrison. Morrison presentará un programa de curtametraxes onde amosa os seus singulares recursos, desde a reciclaxe de metraxe allea ata o uso musical. Tras a proxección haberá un coloquio co público asistente. A entrada é gratuíta. 

Pertencente á cuantiosa produción moderna asociada ao found footage, elaborada por medio de descartes, fotogramas queimados e devorados polo tempo, en marzo deste ano, en pleno 20 aniversario do CGAI, proxectamos unha peza emblemática de Bill Morrison (Chicago, 1965), o clásico moderno Decasia (2002), fermoso canto á creación artística, unha sinfonía intelixente que moldea os tempos da Historia do cine amosando a sapiencia do cine experimental. É precisamente esta sinerxia de cine experimental e emprego de recursos de non ficción, en particular o apropiacionismo de metraxe allea –resultado dunha colaxe de imaxes de diversa procedencia, moitas procuradas en museos e filmotecas-, xunto á aguda construción musical, a singularidade deste creador. Aproveitando a súa presenza en España elaboramos dúas sesións con pezas súas, a longametraxe de recompilación Spark of being (2010), regreso ao Frankenstein de Mary Shelley, e un programa de curtametraxes, formado polos traballos Light is Calling (2004), The Mesmerist (2003), Who by Water (207), Outerborough (2005) e Release (2010). Ambas sesións contarán coa presentación do propio Morrison, unha oportunidade única para seguir revisitando os nomes e prácticas máis estimulantes dentro do cine experimental contemporáneo.  
   
LIGHT IS CALLING   
(Estados Unidos, 2004)
Dirección, guión e produción: Bill Morrison. Duración: 8 minutos.  
Unha escena dunha copia deteriorada da película de James Young The Bells (1926) foi recuperada opticamente e reeditada de acordo a unha composición de Michael Gordon.

THE MESMERIST   
(Estados Unidos, 2003)
Dirección, guión e produción: Bill Morrison. Duración: 16 minutos.  
Nesta remontaxe de The Bells (1926), un pousadeiro (Lionel Barrymore) ten un soño no que visita unha feira no campo, e, baixo o feitizo dun hipnotizador (Boris Karloff), é publicamente sinalado coma un asasino. A seguir el aventúrase na tenda dun adiviño, onde, noutra visión alucinatoria, é absolto desta culpa. O pousadeiro finalmente esperta para descubrir que non houbo absolución.

WHO BY WATER   
(Estados Unidos, 2007)
Dirección, guión e produción: Bill Morrison. Duración: 22 minutos.  
Imaxes de arquivo deterioradas nas que os pasaxeiros dun barco miran en silencio á cámara. Examinamos estes rostros anónimos: ricos, pobres, novos, vellos… Ao miralos, contemplamos o noso propio destino. Música de Michael Gordon.

OUTERBOROUGH   
(Estados Unidos, 2005)
Dirección, guión e produción: Bill Morrison. Duración: 9 minutos.  
En 1899 un fotógrafo da American Mutoscope & Biograph montou a súa cámara na parte dianteira dun tranvía sobre a Ponte de Brooklyn. Tres rolos de 90 pés foron editados para completar a viaxe de Manhattan a Brooklyn. Coma o filme foi rodado no efémero negativo de 68mm, non foi proxectada para audiencias modernas ata que o British Film Institute o restaurou en 35mm. Por encargo do Museum of Modern Art para a reapertura do centro en 2005, Morrison tomou esta valiosa metraxe e montouna por duplicado para conformar unha pantalla dividida en Cinemascope.

RELEASE   
(Estados Unidos, 2010)
Dirección, guión e produción: Bill Morrison. Duración: 13 minutos.  
O 17 de marzo de 1930 unha multitude apiñouse no exterior dun cárcere de Filadelfia para ser testemuña da saída de Al Capone. O cineasta Bill Morrison e o compositor Vijay Iyer traballaron sobre un único plano, acompañado dunha nova banda sonora, para crear esta película de 13 minutos sobre a natureza do espectáculo.