O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza hoxe mércores día 12 de xuño (18.00 e 20.30 horas) Desencadres: no camiño, foco da programación composto por cinco títulos que propoñen outros tantos percorridos por espazos xeográficos ou imaxinarios, coa proxección de Easy Rider (2012) de James Benning, un regreso aos escenarios da mítica película de Dennis Hopper (e Peter Fonda) de 1969.    

EASY RIDER
(Estados Unidos, 2012)
Dirección, guión, fotografía e produción: James Benning. Duración: 95 minutos.  
Logo de facer a súa particular versión de Faces (1968) de Jon Cassvetes, James Benning adéntrase noutro clásico do New Hollywood, Easy Rider (1969) de Dennis Hopper. A Benning atraenlle para este remake abstracto dous aspectos da proposta orixinal: a súa condición de retrato da contracultura e a procura de espazos. Benning divide o filme de Hopper en escenas e substitúe o plano orixinal por un filmado na propia localización. A música dos 60 é reemplazada por música que Benning escoita hoxe.

Xoves 13 de xuño (20.30 horas)
AUTREMENT, LA MOLUSSIE   
(Francia, 2012)
Dirección, produción e fotografía: Nicolas Rey. Duración: 81 minutos.  
O francés Nicolas Rey lévanos a un país inventado. Autrement, la Molussie é unha adaptación da novela póstuma de Günther Anders (home de Hannah Arendt), Die molussische Katakombe, composta de diálogos entre dous dos seus personaxes, dous prisioneiros dun estado fascista, a Molussie (a novela foi escrita entre 1932 e 1936, antes de que Anders e Arendt abandonasen a Alemaña nazi), que fabulan arredor da vida no exterior, un país que Rey imaxina a través dunhas paisaxes filmadas con película de 16 mm caducada. Autrement, la Molussie está constituída por 9 bobinas de 16 mm que teñen que seren proxectadas aleatoriamente, de tal forma que cada proxección é única, quedando a súa orde en mans do proxeccionista (neste caso, o proxeccionista do CGAI).

Venres 14 de xuño (18.00 e 20.30 horas)
THE GREAT NORTHWEST   
(Estados Unidos, 2012)
Dirección, guión, produción e fotografía: Matt McCormick. Duración: 70 minutos.  
En 1958 catro mulleres de Seattle iniciaron unha viaxe que as levaría a percorrer, ao longo duns 5.000 quilómetros, todo o noroeste dos Estados Unidos. Cincuenta anos despois o cineasta Matt McCormick atopou nun mercado benéfico un álbum de recortes que documentaba aquela viaxe. The Great Northwest é o testemuño da súa propia viaxe seguindo o mesmo itinerario de 1958 e certificando os cambios da paisaxe e costumes operados á altura de 2010.
 
Martes 18 de xuño (18.00 e 20.30 horas)
PATIENCE (AFTER SEBALD)   
(Gran Bretaña, 2012)
Dirección e guión: Grant Gee. Produción: Illuminations Films. Duración: 86 minutos.  
Outras viaxes deste Desencadres son máis literarias, como a que nos propón Grant Gee a partir da figura do escritor W.G. Sebald. Patience (After Sebald) regresa ás paisaxes que inspiraron o escritor de orixe alemán para Los anillos de Saturno, aquel paseo por Suffolk (leste de Inglaterra) que agora Gee reconstrúe con fermosas imaxes en branco e negro e entrevistas (e tamén coas evocativas paisaxes sonoras de The Caretaker). Narración a cargo do actor Jonathan Pryce.
 
Mércores 19 de xuño (20.30 horas)
SMALL ROADS   
(Estados Unidos, 2011)
Dirección, guión, fotografía e produción Dirección: James Benning. Duración: 103 minutos.
Outro percorrido pola paisaxe norteamericana de James Benning. Filmación de vellas estradas secundarias co mesmo espírito que alimentara o seu RR, proxectada no ciclo 13 Films que o CGAI lle dedicou en 2009 e á última das súas películas en 16mm (tanto Easy Rider como small roads corresponden xa á súa etapa dixital).