O CGAI COMEZA UN CICLO DE CINE PORTUGUÉS

11 / 06 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes 12 de xuño un ciclo dedicado ao cine portugués contemporáneo, “Cinema portugués, Hipóteses para un futuro”. O ciclo é unha escolma de traballos recentes realizada por Rui Pereira, un dos directores do Festival IndieLisboa, membro da asociación Zero em Comportamento, organizadores do certame. O propio Pereira presenta mañá martes 12 de xuño ás 20.30 horas no segundo pase de José y Pilar (2010) de Miguel Gonçalves Mendes o ciclo completo. O mércores 13 de xuño e o xoves 14 de xuño poderemos ver as dúas longametraxes de Gonçalo Tocha presentadas por el mesmo e o propio Rui Pereira. A entrada a estas sesións é de balde.    CINEMA PORTUGUÉS. HIPÓTESES PARA UN  FUTURO:

En colaboración con Zero em Comportamento (Portugal).

Presentamos algúns dos novos e máis destacados talentos fílmicos portugueses en traballos realizados en diversos formatos e duracións, obras iconoclastas que van de vellos coñecidos como Edgar Pêra deica a figura emerxente de Gonçalo Tocha, premiado no BAFICI arxentino por É na terra não é na lua. Tocha e o propio Rui Pereira acompañarannos para nos disecaren este panorama contemporáneo.        
“O IndieLisboa, sendo un dos festivais portugueses máis importantes, dedica especial atención ao cinema portugués. Por iso, ten unha grande preocupación por crear oportunidades para que os filmes portugueses teñan a máxima visibilidade fóra de Portugal. E é nese sentido que se encadra esta mostra, á que decidimos dar o nome esperanzador de “Cinema Portugués. Hipóteses para un Futuro”.
Acreditamos que algo do futuro do Cinema Portugués pasa por este conxunto de realizadores. Uns son máis vellos que outros e uns teñen xa máis obra que outros, mais en todos se nota un esforzo por faceren cine cunha linguaxe propia, individual, e libre de prexuízos. E iso é do que nós gustamos. Persoas, autores, que, capaces de traballar nas precarias condicións en que o Cinema Portugués (sobre)vive, non perden a oportunidade de deixar unha marca indeleble nos seus filmes. Un agradecemento moi especial a todos os produtores e realizadores que nos permitiron organizar esta mostra que esperamos contribúa a aproximarmos aínda máis os nosos dous pobos”.
Rui Pereira, comisario do ciclo.  
 
Martes 12 de xuño (18.15 e 20.30 horas). DCP. 2ª sesión presentada por Rui Pereira, comisario do ciclo. 2ª sesión de balde.    
JOSE E PILAR / JOSÉ Y PILAR
(Portugal-Brasil-España, 2010)
Dirección e guión: Miguel Gonçalves Mendes. Produción: Jump Cut, El Deseo SA e O2 Filmes. Fotografía: Daniel Neves. Duración: 125 minutos.
Retrato da relación de José Saramago, o afamado premio Nobel da literatura portugués, e Pilar del Río, a xornalista española. O documental ten como punto de partida o proceso de creación, produción e promoción da narración A viagem do elefante. A ficción do libro funciona, ao longo do filme, como metáfora do percorrido do propio Saramago desde o momento inicial da construción da historia en Lanzarote (2006) ata o lanzamento do libro no Brasil (2008). Desta maneira, a dura e custosa viaxe do elefante, entre a corte de D. João III en Lisboa e a corte do arquiduque Maximiliano en Austria, reflectirá a propia viaxe do autor durante o proceso de desenvolvemento deste libro.

Mércores 13 de xuño (20.30 horas). Presentación a cargo de Rui Pereira e Gonçalo Tocha. Entrada de balde.
BALAOU
(Portugal, 2007)
Dirección, produción e fotografía: Gonçalo Tocha. Duración: 77 minutos.
“Hai agora sete meses que Blé, miña nai morreu. Estou en fronte do mar de San Miguel-Azores, a terra da familia distante. Encontro a tía avoa Maria do Rosário, 91 anos, á procura do seu momento para partir. Fálame de Deus e morte. Á súa volta, os bebés nacen. Durante o día nadamos no mar da illa, negro, volcánico. É aquí que encontro a Florence e a Beru, unha parella francesa que todos os anos cruza o Atlántico no Balaou, un barco de vela. Convídanme a continuar a viaxe con eles. Desfágome do billete de avión e fágome á alta mar. Dividido en tres momentos e oito leccións, Balaou é unha viaxe para aceptar o esquecemento das cousas” (Gonçalo Tocha).

Xoves 14 de xuño (20.00 horas) (¡!). Presentación a cargo de Gonçalo Tocha e Rui Pereira. Entrada de balde.
É NA TERRA NÃO É NA LUA
(Portugal, 2011)
Dirección e fotografía: Gonçalo Tocha. Produción: Gonçalo Tocha, Nucivo-FLUL, Associação Festa Redonda. Duración: 185 minutos.
Un cámara e un sonidista chegan a Corvo no ano 2007. O lugar é a illa máis pequena pertencente ao arquipélago das Azores. Corvo ten o cráter dun volcán e unha poboación de 440 habitantes. O equipo do filme é progresivamente aceptado polos habitantes. Entre idas e vindas durante varios anos, un relato de experiencias e descubrimentos. Auténtica amálgama das posibles tendencias expresivas do documental, un filme-odisea, dividido en catorce capítulos, que introduce e combina gravacións antropolóxicas, literatura, arquivos perdidos, historias autobiográficas e mitolóxicas. Premiada no BAFICI.  
 
Venres 15 de xuño (20.30 horas)
O BARÃO
(Portugal, 2011)
Dirección: Edgar Pêra. Guión: Edgar Pêra e Luisa Costa Gomes. Produción: Ana Costa. Fotografía: Luis Branquinho. Intérpretes: Leonor Keil, Marcos Barbosa. Duración: 95 minutos.
Inspirado na obra de Branquinho da Fonseca, é un remake neuro-gótico dun filme fantasma, realizado durante a II Guerra Mundial. Prohibido pola ditadura de Salazar por retratar un tirano, un vampiro que aterrorizaba os habitantes dunha rexión montañosa. O relato, expresionista e hipnótico, conduce ao inspector-narrador-espectador por unha natureza insólita ata ao castelo do Barão. O Barão é un camaleón emocional, pasa de dócil a irascible, un home-xabarín, “unha pura besta”. Vive un amor aprisionado, dentro e fóra de si. Idalina, unha criada aristócrata anda polo castelo. A súa esquiva figura perturba o inspector.

Martes 26 de xuño (18.15 e 20.30 horas)
GUERRA CIVIL
(Portugal, 2010)
Dirección: Pedro Caldas. Guión: João Gusmão e Pedro Caldas. Produción: Blackmaria. Fotografía: Leonardo Simões. Intérpretes: Catarina Wall, Francisco Belard. Duración: 90 minutos.
Verán de 1982, unha praia no sur de Portugal. Rui e os seus pais viven pechados nos seus mundos, cegos ás carencias que os caracterizan como familia. Rui vai ter exames, porén está máis interesado pola música e pola exploración de mundos imaxinarios que constantemente esboza en deseños. Só Joana parece capaz de arrincalo do seu autismo. A vitalidade da rapariga fascínao. Helena é incapaz de recorrer a distancia que a separa do fillo. Mentres agarda polo marido, mantén unha relación con Zé, vinte anos máis novo. Alberto, o home, chega finalmente e fracasa na aproximación ao fillo. O verán está próximo e Rui segue entre fantasías infantís e o apego ao sexo da adolescencia. A estrea de Pedro Caldas na longametraxe despois dunha prolífica e premiada carreira nas curtas é unha historia de amores de verán e revolta xuvenil, ao son da boa música de principios dos 80 do século pasado, de Orange Juice a Joy Division.

Mércores 27 de xuño (18.15 e 20.30 horas)
TRACES OF A DIARY / FRAGMENTOS DE UM DIÁRIO
(Portugal, 2010)
Dirección e fotografía: Marco Martins e André Príncipe. Produción: Filmes do Tejo. Duración: 90 minutos.
Filme concibido como unha sorte de diario de viaxe, un caderno de notas cinematográfico sobre o traballo dalgúns dos máis significativos fotógrafos xaponeses contemporáneos (Daido Moriyama, Nobuyoshi Araki, entre outros). A través dunha serie de encontros cos fotógrafos, os realizadores reflexionan sobre a natureza do acto de facer imaxes e contar historias, sobre o propio proceso diarístico. Ao filmaren con dúas cámaras 16mm de corda, Martins e Príncipe valoran a crueza do espontáneo e do continxente, ademais do tratamento estudado. Ao mesmo tempo diario e reflexión sobre o xénero diarístico, un filme elíptico, visión persoal e dinámica sobre algúns dos máis importantes fotógrafos actuais e sobre a cidade de Toquio que eles fotografan.
 
INCÊNDIO
(Brasil-Portugal, 2011)
Dirección e guión: Karen Akerman e Miguel Seabra. Produción: Terratreme. Fotografía: Paulo Menezes. Intérpretes: António Moniz, António Seabra. Duración: 23 minutos.
A través dunha secuencia inicial de rigorosos e misteriosos planos fixos, Seabra Lopes e Akerman introdúcennos nunha deliciosa comedia aderezada con música clásica. O poeta é Goethe, o músico é Schubert. Os tres alumnos non están polos axustes co rigor da profesora e van amosarnos, como di Miguel Valverde, que «a mellor clase acaba cunha lección».
 
Xoves 28 de xuño (18.15 e 20.30 horas)
INFINITO
(Portugal, 2011)
Dirección e guión: André Santos e Marco Leão. Produción: Ricochete Filmes. Fotografía: André Santos. Intérpretes: Adriana Bolito, María Bolito Xavier. Duración: 9 minutos.
O silencio é absoluto e o tempo dilátase a medida que nos perdemos nun espazo imprevisible entre lugares que non existen.

LA ILUSIÓN TE QUEDA
(Arxentina-Portugal, 2011)
Dirección e fotografía: Francisco Lezama e Márcio Laranjeira. Guión e produción: Márcio Laranjeira. Intérpretes: Adelina Roccati, Jazmin Nasroulah. Duración: 33 minutos.
Laranjeira e Lezama constrúen un filme sobre pequenas e grandes emocións. As conversas cotiás dan lugar a recordos emotivos. A pregunta que fica no aire ten que ver co amor, como se inventa, como se distribúe ou como se sente.
 
PALACIOS DE PENA
(Portugal, 2011)
Dirección e guión: Gabriel Abrantes e Daniel Schmidt. Produción: A Mutual Respect. Fotografía: Eberhard Schedl, Natxo Checa. Intérpretes: Alcina Abrantes, Ana Rita Franco. Duración: 55 minutos.
Asombradas polas súas vidas sen rumbo, dúas mozas reencóntranse cando visitan á súa avoa doente. No medio das súas fantasías cun pasado medieval –  consumido polo medo e polo desexo – as dúas raparigas sofren unha transformación e enfróntanse a un legado de opresión. «O amor é, ao final, un cruzamento de pernas, unha unión de barrigas, un breve tremor de arterias, unha confusión de bocas, unha batalla de veas, un enrolarse de coxas, quen dixer o contrario é unha besta.» Gregório de Matos (século XVII). Participante en Venecia e na Viennale.

Categoría: Noticias
Etiquetas: