CARLOS BARDEM RECIBIRA O PREMIO IRMANDADE DO LIBRO AO MELLOR GUIÓN ADAPTADO NO MARCO DO 19OUFF

1 / 10 / 2014

O actor, guionista e escritor Carlos Encinas Bardem (Madrid, 1963) recibirá o vindeiro día 16 de novembro, no marco da 19 edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, o premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado pola súa novela “Alacrán namorado”, levada ao cine en 2013 por Santiago Zannou, con guión do propio Zannou e Carlos Bardem.

O galardón que concede a Federación de Librarías de Galicia se lle entregará no transcurso dunha gala, que se desenvolverá no Teatro Principal, na que ademais se proxectará a película “Alacrán Enamorado”. A cinta, protagonizada por Alex González, Miguel Ángel Silvestre, Javier Bardem e o propio Carlos Bardem, conta a historia de dous mozos de barrio que forman parte dunha violenta banda de neonazis.

Licenciado en Historia, Carlos Bardem sempre se moveu entre o cine e a literatura. En 1999 escribiu a súa primeira novela, “Mortes exemplares”, que recibiu unha mención especial do xurado do Premio Nadal dese ano.

En 2002 recibiu o Premio Destino Guión coa súa seguinte novela “Buziana ou o peso da alma”. En 2009 sae á luz “Alacrán namorado”, novela na que leva aos nosos días a historia de amor de Romeo e Julieta, con personaxes raciais e case marxinais. En 2013 estreouse a película baseada na novela, coa participación de Bardem no reparto e no guión.

No cine iniciaría a súa carreira en 1996 coa película “Máis que Amor Frenesí”. A partir de aquí seguiu unha intensa progresión que lle levou a traballar con destacados directores nacionais e internacionais: Fernando León, Alex de la Iglesia, Lucía Puenzo, Daniel Monzón, Steven Soderbergh, Rodrigo Plá, Agustín Díaz Yanes, Bigas Luna, etcétera.

A súa gran oportunidade como actor principal chegoulle con O Desenlace (2005), do vigués Juan Pinzás. Participou en títulos como: Príncesas, Che: Guerrilla, Celda 211, Volaverunt, A bicicleta, Alatriste, A zona ou O neno pez.

No recentemente rematado Festival de Cine de San Sebastián estreou Escobar: Paraíso Perdido, película na que comparte reparto con Benicio del Toro. Participou tamén en numerosos filmes como guionista.

Entre os galardóns que recibiu destaca o premio da Asociación de Cronistas do Espectáculo de Nova Iorque como mellor actor secundario polo seu papel de Apache en Celda 211, de Daniel Monzón, e a Unión de Actores concedeulle dous galardóns por Celda 211 e La Zona.

O Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado que outorga a Federación de Libreiros de Galicia, entrégase desde o ano pasado no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense. Na 18 edición do certame o galardoado foi o director, guionista e escritor gallego Ángel de la Cruz.

 

 

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: