EL CAIRO 678 E PUERTA CON PUERTA GAÑAN OS PREMIOS DO PÚBLICO NA 34ª SEMANA DE CINE DE LUGO

25 / 09 / 2012

O filme exipcio El Cairo 678, de Mohamed Diab, e a curta española Puerta con puerta, de Ricardo Fernández, foron os preferidos polo público da 34ª Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, que se celebrou nesa cidade do 17 ao 22 de setembro organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.

El Cairo 678, un drama dirixido por Mohamed Diab sobre tres mulleres de diferente clase social que, no seu empeño de defenderse contra o acoso sexual nos autobuses en Exipto, cravan coitelos aos acosadores na ingre, gañou o premio do público na XXXIV Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, cunha puntuación de 2,71 puntos sobre 3 posibles. En segundo lugar nas preferencias quedou a coprodución entre Francia, Bélxica, Italia e Marrocos A fonte das mulleres, de Radu Mihaileanu, con 2,69 puntos. Por detrás situáronse a xaponesa Kiseki (Milagre), de Hirokazu Kore-eda (con 2,09 puntos), a coprodución entre Canadá e Irlanda Cairo Estafe, de Rubba Neda (con 1,89 puntos), a franco-italiana As malas herbas, de Alain Resnais (con 1,35 puntos) e a coprodución entre Portugal, España e Francia O estraño caso de Angélica, de Manoel de Oliveira (con 1,22 puntos).

Este ano, como novidade, o respectable elixiu, así mesmo, a mellor curtametraxe dentro da sección «As curtas tamén son cine», na que se exhibiron 32 obras. Gañou, cunha puntuación de 4,44 puntos sobre 5 posibles, Puerta con puerta, de Ricardo Fernández. Seguíronlle Posturas, de Alvaro Oliva, con 4,23 puntos; Ceo vermello ao amencer, de Xullo da Fonte, con 4,04 puntos; e La mujer del hatillo gris, de Luís Trapiello, con 4,00 puntos. A organizacion estima que houbo unha asistencia duns 7.500 espectadores ás distintas proxeccións da 34ª Semana de Cine de Autor de Lugo, cifra que valora positivamente, dado o tempo estival que fixo durante o seu desenvolvemento. Ás sesións no Auditorio Gustavo Freire, sé principal do evento, asistiron máis de 1.000 persoas ao día. As restantes salas de proxección rexistraron, igualmente, unha asistencia notable, segundo Fonmiñá.

Categoría: Noticias
Etiquetas: