BOTA A ANDAR O 16 FESTIVAL DE CINE INTERNACIONAL DE OURENSE

17 / 10 / 2011

O Festival de Cine Internacional de Ourense subíu o telón da súa decimosexta edición coa presentación, en rolda de prensa, da película La Voz Dormida, de Benito Zambrano. O director sevillano, que chegou a pé feito dende o aeroporto de Vigo á rolda de prensa, estivo acompañado da actriz Amparo Vega, en representación do equipo artístico da película, e manifestou a súa ilusión por estrear a película no Festival de Cine de Ourense: «O momento culmen da película é este, ver como a xente disfruta na sala. Os festivais de cine son unha plataforma inmellorable e teñen unha dispoñibilidade especial para que a xente vaia ver historias interesantes». Ademais, durante a fin de semana, houbo outras presentacións e coloquios.

La Voz Dormida, unha produción baseada na novela homónima de Dulce Chacón, contou cun orzamento de 3’5 millóns de euros e foi un proxecto que tardou catro anos en rematarse. Porén, o reto máis importante para Benito Zambrano foi o de falar da posguerra española con autoridade e propiedade: «Preocupábame que a película non contase nada: sabemos moito de alemaña, porque a historia sempre a contan os vencedores», pero case nada da época que seguíu ao «golpe de estado machista fascista no que as mulleres nin sequera tiveron a condición de presas políticas». Neses termos tamén se expresou a actriz Amparo Vega, quen destacou a dureza da temática da película: «Pensas que sabes, porque ocorreu hai ben pouco, pero ata que non te pos na pel dos protagonistas non acabas de crelo».

Na rolda de prensa, Zambrano tamén tivo tempo para falar sobre a ilusión en tempos de crise.»Para facer esta película precisábamos preto de seis millóns de euros, porque unha película comeza na idea do guionista e acaba no técnico de sala que apaga a última luz», dixo. «O que é unha mágoe é que o cine se reduza á pantalla do iPad», rematou finalmente.

Tras a proxección de La Voz Dormida, o sábado 15 seis directores de curtametraxes abriron a xornada no Festival de Cine Internacional de Ourense. O maño Ignacio Estaregui, con Al Quinto!, Juanma Aragón con Je Déteste, o alemán Steffen Cornelius Tralle con Listenhunde (Cadela), Nuno Portugal con O voo da papoila e os galegos Alfredo Pardo e Martín Fiallega con Garabolis e Tourettes, respectivamente, ofreceron a súa visión sobre o situación actual no mundo da curtametraxe en diferentes lugares de Europa.

Tras presentar as súas curtametraxes, os directores mergulláronse nun interesante debate sobre o panorama de axudas, orzamentos ou distribución das obras. Estaregui, ante a difícil situación que se vive en Aragón, apostou polo crowdfunding para realizar Al Quinto!: “Vendín tickets de 10 euros para facer realidade o proxecto e poder conseguir os equipos axeitados”. Ademais, contou para o seu proxecto con actores noveles entre os que destaca a protagonista, unha muller de 79 anos e sen ningunha experiencia previa no mundo da actuación. Juanma Aragón afirmou, pola súa banda, que malia que en Madrid “a situación non é moito máis esperanzadora, as redes sociais e internet axudan moito á hora de distribuír”, aínda que lamentou a redución do número de festivais que estaba a vivir este ano. O galego Martín Fiallega, que se presenta cunha curta feita integramente en Ourense xunto cos alumnos do Ciclo de Produción d’A Farixa, opina que “as curtametraxes deben servir de plataforma para os directores que queren facer largos e non pode vir todo dado. Eu non creo nas curtas de 6 millóns de pesetas”, dixo.

Dende o país veciño, Nuno Portugal dixo taxantemente que “hoxe en día non podes facer unha curta por cero euros”, e que o “traballo ten que partir sempre da vontade propia”. A obra do realizador de Coímbra, que relata a historia actual de tres personaxes que se fixeron protagonistas na revolución de abril de 1974, foi unha das poucas feitas con orzamentos provintes das institucións oficiais este ano no país luso. Apostando pola autoprodución, Alfredo Pardo ironizou sobre “as lendas urbanas que saen nos medios, iso de que con 50 euros podes facer unha curta e levala aos mellores festivais do mundo”. O de Chantada aposta tamén por involucrar o mundo rural nas súas producións facendo que a xente dos pobos participe directa ou indirectamente, xa que “verse nos créditos sempre fai ilusión e máis a persoas que viven un pouco illadas deste mundo”. Steffen Cornelius Tralle quixo destacar que “pese ao que pense a xente aquí, en Alemaña tamén se está vivindo unha situación difícil”. Pese a isto, deixou claro que no seu país “hai un forte apoio das institucións rexionais, pero tamén é máis forte a competencia entre directores”.

Onte, domingo día 16 de outubro, o director arxeliano afincado en Francia dende os seis meses, Amor Hakkar, presentou Quelques jours de répit (Uns días de descanso), un filme que compite na categoría de longametraxes nesta decimosexta edición do Festival de Cine Internacional de Ourense. Tralo éxito do seu anterior traballo, A casa amarela (que xa foi emitido en TVG tras o seu paso por Sundance, entre outros certames), Hakkar chega a cidade das Burgas expectante da resposta do público ante este filme que, segundo o director, busca a expresión das distintas formas do amor: «do amar ben, do mal amor, do amor entregado e non correspondido, do amor por uns ideais…»

Hakkar trae ó festival unha película que, como recalcou Isabel Pérez, está «cargada de compromiso» e procura «calar emocionalmente». E é que o traballo do director arxeliano, que «nace a partir dun artigo dun xornal», conta a historia dunha parella de homosexuais iraníes e das dificultades coas que se atopan para poder vivir o seu amor. Para ilustrar esta historia, na que o propio Hakkar se pon na pel dun dos protagonistas (Moshen, e «por motivos de urxencia»), contou coa colaboración do actor Samir Guesmi e Marina Vlady, unha das grandes damas da interpretación francesa. Ao atoparse coa fotografía da parella aforcada, o director decidiu contar a súa historia para louvar a súa coraxe, «por arriscarse a morrer por ser como eran». A actriz francesa Marina Vlady encárgase de desenvolver outro dos temas da película, «o medo que pode ter unha muller duns sesenta anos a namorarse», apuntou Hakkar.

O filme é unha coprodución franco-arxelina que contou cunha axuda de dous mil euros de fondos rexionais da provincia de Besançon para a súa elaboración, segundo sinalou Hakkar. O filme contou co apoio da ministra de Cultura de Alxeria, Khalida Toumi, «quen foi moi valente por enfrontarse á oposición dos activistas islámicos» engadiu. A defensa dos dereitos da muller foi unha das claves que levou á ministra alxeriana a apoiar este filme, que como apuntou Hakkar, «xa foi proxectado en varios países pero ningún deles musulmán». O director explicou que, no seu país, a homosexualidade castígase con penas de cárcere de ata trece anos e que por este motivo agradece o apoio político e compromiso xa que é o que «dá pulos para seguir facendo este tipo de traballos».

Amor Hakkar, quen rexeitou o convite a outros festivais en Los Ángeles e en Toronto por estar no de Ourense, amosouse moi agradecido á organización do OUFF e moi satisfeito por estar na cidade presentando o seu filme. «O importante para min é que o filme exista e se proxecte, porque hai moitos filmes sinceros que narran cousas importantes que acaban gardados no armario. A partir diso, todo o que veña será ben recibido» sinalou.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: