BOA ACOLLIDA DO PÚBLICO A «MATANDO EL SUEÑO» NO FESTIVAL ON&OFF

11 / 08 / 2008

A curtametraxe documental codirixida por Leticia Castro, Manel Raga i Eider Sáez recibiu unha calorosa acollida por parte do público do IV Festival Creativo de Curtas On&Off. Os directores teñen previsto presentala nos próximos meses a outros certames de curtas, como o Play-Doc de Tui ou o Documenta Madrid.

A curtametraxe documental Matando el sueño, de Leticia Castro, Manel Raga i Eider Sáez recibiu unha calorosa acollida por parte do público do IV Festival Creativo de Curtas On&Off de Ribadeo, onde se proxectou fóra de concurso. Unhas catrocentas persoas ateigaban o Cantón dos Moreno para asistir á estrea deste traballo, que se xestou nun Curso de Documental de Autor impartido polo profesor Ricardo Íscar, coordinador do proxecto e recoñecido documentalista, en Barcelona.

A curta, gravada en Argentona no pasado mes de xuño logo dunha semana de intenso traballo de campo, reflicte as vivencias dun grupo de traballadores dun matadoiro de polos. As instalacións da empresa Moré SL da localidade catalana sirven como localización para esta dura historia na que a linguaxe visual é o medio escollido polos autores para amosar a realidade en estado puro, sen manipulacións nin intervención pola súa parte.

Como a propia directora recoñece, “a idea estaba clara dende o comezo, visualmente parecíanos moi potente”. Non en van, as olladas dos protagonistas son moi importantes na historia, e a curta constitúese como metáfora do que ocorre dentro do matadoiro a través das olladas dos traballadores.

Os directores teñen previsto presentar a Matando el sueño en outros certames de curtametraxes, como o Play-Doc de Tui ou o Documenta Madrid. Antes, no vindeiro mes de setembro, a curta pasarase no Observatorio de Cine de Barcelona, lugar onde o proxecto se xestou hai tan só un par de meses.

Categoría: Noticias
Etiquetas: