BALANCE POSITIVO DE PÚBLICO E PROXECCIÓNS NO 18OUFF

26 / 11 / 2013

A concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido, a directora do 18OUFF, Nora Sola, e o coordinador de Programación, César Silva, presentaron hoxe o balance da decimo oitava edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, que pecha con 42 títulos presentados (en 79 sesións diferentes) e case nove mil participantes nas súas actividades. En total, foron 9.383 os asistentes ás diferentes actividades do certame, destacando as 8.803 que acudiron ás salas de cine.  Por espazos, o Auditorio Municipal pecha cuns números envidiables: 7.803 entradas, segundo datos facilitados por Novagaliciabanco, xestor dos recursos da taquilla. Nos outros espazos do 18OUFF rexistráronse os seguintes datos de asistencia: polo Centro Cultural Marcos Valcárcel pasaron 300 persoas, e máis do dobre polo Teatro Principal, 700, un número considerable tendo en conta que se programaron poucas películas amáis das galas coma as da entrega do Premio ao Mellor Guión Adaptado a Ángel de la Cruz ou a homenaxe a Pedro Olea, coa proxección de El bosque del lobo

Os números complétanse co público que tamén asistiu ás actividades paralelas e de ocio, todas ellas gratuitas: os concertos de El Tragaluz congregaron un total de 520 persoas, mentres que ao Ateneo foron un total de 60 o martes pola noite.

Se desglosamos os números, atopamos que Offline foi a película máis vista, con 190 espectadores (63 de media en cada un dos seus tres pases). Ao resultar vencedora en dúas categorías (premio do público e mellor director), tivo dous pases máis, co que a cifra chegou aos 283 espectadores totais. Fóra da competición, Viaje al fin de la noche, de Raúl García, foi a máis vista con 701 persoas. As galas de inauguración e clausura contaron con 795 e 661 espectadores respectivamente.
Por días, os comprendidos entre o luns 18 e o mércores 20 (coa devandita proxección de Viaje al fin de la noche, o primeiro, as dúas galas do OUFFescola no Auditorio e as galas do Teatro Principal os outros dous) foron os que máis público levaron ao 18OUFF. E, para pechar, o propio domingo 24 subiron até o Auditorio un total de 358 persoas para contemplar as películas premiadas.

Valoracións do público
A película máis valorada polo público do 18OUFF foi Offline, premio do público 2013, cunha puntuación media de 4,3 puntos sobre 5. Seguíronlle El Rayo (4,16) e El triste olor de la carne (3,88). Curiosamente, o criterio do público foi dispar co do Xurado: para os espectadores, Paradis perdu -Calpurnia á mellor película- acadou unha nota media de 3,34 puntos. En calquera caso, o público foi moi activo á hora de participar e todas as películas da competición superaron o aprobado.

Outros feitos a ter en conta pode ser o máis de medio cento de profesionais que pasaron polo 18OUFF para participar activamente do certame. Moitos deles pasaron polos almorzos entre directores de El Tragaluz, un interesantísimo formato que se debe repetir para anos posteriores xa que foi unha orizinal forma de xuntar xente de procedencias e traxectorias diversas (mesmo de disciplinas, coma no caso do domingo, no que compartiron mesa os directores de El Rayo e os músicos de Los Suaves).

A presenza de directores suscitou o interese do público, que participou moi activamente nos debates que se producían despois das proxeccións: casos especiais foron os de Queimar o monte ou Asolagados, no Teatro Principal, alén dos das películas en competición.

Por último, destacar as películas MIR, Metílico: a bebida da morte, Onde as rúas non teñen nome, Magic:The Gathering ou 100%CEF: unha biografía de Celso Emilio Ferreiro, títulos exclusivamente ourensáns.

Categoría: Noticias
Etiquetas: